O martes abre o prazo para solicitar descontos nos catro balnearios da provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Está dirixido a veciños e veciñas de máis de 50 anos, que poden acudir cun acompañante que non teña necesariamente esta idade.
13 Jan 2024

Está dirixido a veciños e veciñas de máis de 50 anos, que poden acudir cun acompañante que non teña necesariamente esta idade. Os beneficiarios terán descontos de entre un 10 e un 20% en función da modalidade –con estancia ou sen estancia- e contan con diferentes técnicas e tratamentos.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres as bases da nova edición do programa Lugo Termal, a través do que a institución provincial favorece o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia, ao tempo que impulsa a actividade económica fomentando o turismo termal.

Así o anunciou a voceira socialista, Pilar García Porto, quen avanzou que as bases sairán publicadas o próximo luns no Boletín Oficial da Provincia e o martes, 16 de xaneiro, abrirase o prazo para que as persoas solicitadas poidan solicitar praza. Para iso, deberán cubrir un impreso que sairá no propio BOP e que tamén estará dispoñible na web da Deputación, e deberán presentalo en calquera rexistro oficial ou na sede electrónica da institución, xunto coa fotocopia do DNI.

Este ano, como novidade, avanzou García Porto “dotamos ao programa Lugo Termal con máis investimento. Chegamos aos 91.000 euros, o que representa unha subida de case un 30% e dotámolo de máis prazas: Pasamos de 1.025 a 1.340 prazas, o que supón tamén un 30% máis, co que superamos a capacidade que ofrece a Xunta para toda Galicia”. Desas prazas, 825 son con estancia e 515, sen estancia.

Co programa Lugo Termal, a Deputación ofrece descontos nos balnearios de Lugo, Pambre, Guitiriz e Pantón ás persoas maiores de 50 anos da provincia, que poderán acudir a estes establecementos cun acompañante que non teña necesariamente esta idade. “Nesta nova edición, a número 12, os beneficiarios terán descontos de entre un 10 e un 20% en función da modalidade –con estancia ou sen estancia- e tamén, como en anos anteriores, haberá diferentes técnicas e tratamentos a disposición das persoas usuarias”, informou García Porto.

Plan Estratéxico de Subvencións

A Xunta de Goberno tamén aprobou o Plan Estratéxico de Subvencións para este ano 2024 cunha dotación económica de case 8,4M€. “Este é o instrumento que regula a concesión de axudas económicas da Deputación ao conxunto do tecido asociativo da provincia, tanto de carácter nominativo, como de concorrencia competitiva”, explicou a Voceira socialista, quen sinalou como obxectivo principal desta ferramenta o de “contribuír ao desenvolvemento de proxectos que impulsen o emprego e os sectores produtivos, o benestar social, o deporte, a cultura ou o turismo, entre outros ámbitos.

Granxa Experimental de Leite

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar, por un importe de 40.800 euros á empresa Mantenimientos Técnicos Lucenses SL, o contrato de mantemento e reparación do robot de muxido da Granxa Experimental de Leite que ten a Deputación no complexo de Gayoso Castro, en Castro de Rei. Este contrato é por un ano, prorrogable por outros tres.

Así mesmo, saíu adiante a adxudicación, por un importe de case 55.000 euros ás empresas Scalene Global SL e Ofipapel Center SL, o subministro de equipos e material de oficina ergonómicos para os distintos servizos da Deputación de Lugo.

Mellora de pistas no Corgo

Por último, a Xunta de Goberno deu luz verde á solicitude do Concello do Corgo para investir remanentes do Plan Único do ano 2023 en novas actuacións. En concreto, destinará 35.000€ ao acondicionamento do firme de varias pistas municipais no lugar de Quintela, na parroquia de San Bartolomeu, e nos accesos aos núcleos de San Xoán de Segovia e de Folarón e Fompediña, na parroquia de Farnadeiros.

0.066771030426025