O martes activan en Lugo un novo Plan de Tráfico na praza de Ferrol

LugoXa
Realizarán labores de arranxo e reposición do pavimento na banda de rodadura na zona situada fronte ao centro de saúde e na traseira da Igrexa
plan-de-trafico-praza-ferrol-lugo
10 Nov 2024

O Concello de Lugo activará este próximo martes un novo Plan de Tráfico na Praza de Ferrol para permitir o arranxo dos danos detectados no pavimento na banda de rodadura fronte ao Centro de Saúde e por detrás da Igrexa.

A empresa adxudicataria do proxecto será a encargada de corrixir as deficiencias derivadas da execución da obra dentro do período de garantía das mesmas o que obedece ao seguimento e control exhaustivo que o Concello está a realizar sobre as actuacións enmarcadas na Estratexia Corazón Verde.

Os labores, que comezarán o próximo martes día 12, implicarán unha serie de restricións para a circulación que quedarán recollidas nun novo Plan de Tráfico, de xeito que os vehículos que accedan dende San Marcos serán desviados a partir desa xornada por Amor Meilán, continuando por detrás do Cuartel a través de Quiroga Ballesteros e a rúa San Froilán, ata a saída pola Porta de San Fernando.

A intervención responde ao compromiso do Goberno de Paula Alvarellos de garantir a calidade das obras executadas, buscando unha mellora duradeira do espazo público para a veciñanza e visitantes, tendo en conta, ademais, que se trata dunha contorna emblemática, de alto valor patrimonial e turística e cunha intensa actividade económica.

A Policía Local reforzará a súa presenza nos puntos clave da nova organización viaria para facilitar o tránsito e garantir o cumprimento das novas medidas que entrarán en vigor esta semana, en coordinación co plan de traballo establecido. Igualmente, lémbrase que só está permitido o acceso ao Centro Histórico a vehículos autorizados (residentes, usuarios aparcamentos, servizos, emerxencias, vehículos con autorización especial) co fin de avanzar cara a futura ordenación da Zona de Baixas Emisións que se implantará neste ámbito e aumentar as condicións de seguridade e confort peonil.

0.19421100616455