O Máster de Futbolín de Rábade reuniu a case 800 xogadores e consolídase como referente estatal

LugoXa | TerraChaXa
Os títulos máis importantes foron para a parella formada por Brian e Villa, de Valladolid, na modalidade de parado, e para Iván, de Melide, e Alejandro, de Asturias, en movemento
rabade-futbolin-2026
7 Apr 2026

Rábade volveu converterse esta fin de semana nun dos epicentros do futbolín a nivel estatal coa celebración do Gran Máster Nacional, unha cita que reuniu un total de 347 equipos e preto de 800 xogadores chegados de diferentes puntos do país. Durante tres intensas xornadas, desde o xoves ata o sábado, o polideportivo municipal acolleu numerosas partidas seguidas por un público entregado, confirmando o tirón desta competición máis aló da provincia de Lugo.

A vixésimo sétima edición do torneo pechouse na madrugada do sábado cunha longa e emocionante xornada final que rematou nun ambiente festivo. Así o destacou o presidente da peña organizadora Bola Meiga, José Manuel Candal, quen definiu o evento como “moito máis ca unha competición, un punto de encontro” para afeccionados e profesionais do futbolín.

O campionato repartiu arredor de 17.000 euros en premios entre as distintas categorías, que incluíron modalidades como élite, prata e bronce, tanto en parado como en movemento, ademais das categorías feminina, combinada e a novidade de dobre mixto. Nas dúas probas principais, os títulos foron para a parella formada por Brian e Villa, de Valladolid, na modalidade de parado, e para Iván, de Melide, e Alejandro, de Asturias, en movemento. Os segundos postos foron para Daniel e Javi, de Cantabria, e Óscar Alfaro (padre e fillo), que viñeron desde Málaga.

Na proba combinada o triunfo foi para Tomás e Nino, de Pontevedra, e na categoría feminina fixo o propio o equipo de Patricia e Marta, de Pontevedra e León. Na nova categoría de dobres mixtas, o título foi para Nerea de Alicante e Óscar de Málaga.

O nivel de xogo foi un dos aspectos máis salientados pola organización, que o cualificou como dos máis altos dos últimos anos. Ademais dos títulos por equipos, tamén se recoñeceu o rendemento individual, destacando Óscar Villa como mellor xogador do torneo e Marta como mellor xogadora. O mellor porteiro foi Óscar Alfaro padre e o xogador máis regular Alejandro de Asturias.

A representación galega tivo tamén un papel destacado, con xogadores que acadaron importantes resultados e recoñecementos, reforzando o peso da comunidade neste deporte. A ampla participación e a procedencia diversa dos competidores, con presenza de xogadores de case todo o territorio nacional, evidencian a consolidación do Máster de Rábade como unha das citas imprescindibles do calendario estatal.

Coa vista posta xa na próxima edición, a organización amósase satisfeita polo éxito dunha convocatoria que continúa medrando ano tras ano, tanto en participación como en nivel competitivo.

futbolin-rabade-master-2026
0.13130307197571