O Mercadiño de Nadal do Barrio de San Antonio celebra este sábado a súa segunda edición

LugoXa
O evento desenvolverase en horario de 11.00 a 21.00 horas nunha carpa cuberta situada diante do CIS, ofrecendo unha xornada completa con propostas para todos
mercadiño-nadal-barrio-san-antonio-Lugo
17 Dec 2025

Este sábado, 20 de decembro, a Asociación de Veciños e Comerciantes do Barrio de San Antonio organiza a segunda edición do seu Mercadiño de Nadal, unha cita pensada para desfrutar en familia e no barrio.

O evento desenvolverase en horario de 11.00 a 21.00 horas nunha carpa cuberta situada diante do CIS, ofrecendo unha xornada completa con propostas para todos os públicos.

Durante todo o día, o mercadiño contará con postos variados con produtos ideais para agasallar neste Nadal, creando un espazo de encontro no que tamén soarán panxoliñas tradicionais galegas, que acompañarán o ambiente festivo da feira. Ademais, haberá un photocall de Nadal no que veciños e visitantes poderán inmortalizar a xornada cunha foto especial.

Un dos puntos destacados será o posto de chocolate solidario, no que se poderá degustar chocolate quente, café e biscoito. Todos os beneficios irán destinados á loita contra o cancro.

A programación de actividades arrancará ás 11.00 horas coa apertura oficial do mercadiño, acompañada da actuación da Lilicleta, que percorrerá o recinto co seu “Disco Bici Navideña”, enchendo o espazo de música, ritmo e alegría con panxoliñas en versión disco.

Entre as 12.00 e as 14.00 horas terá lugar o obradoiro infantil “Chapas con xeito”, dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos. Trátase dun obradoiro de chapas personalizadas con palabras e expresións en galego, pensado para fomentar o uso da lingua dun xeito creativo e divertido.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase un obradoiro de maxia coa participación dos magos David Méndez, “O gran Mago” Mago Martín e Santi Ninou, que compartirán trucos e ilusións co público máis novo. Ao rematar, arredor das 18.30 horas, os propios magos percorrerán o mercadiño facendo maxia pola feira, interactuando co público e animando o ambiente.

A xornada pecharase ás 20.00 horas cun espectáculo de maxia a cargo de David Méndez, Santi Ninou e “O gran Mago” Mago Martín, poñendo o broche final a un día cheo de ilusión, diversión e espírito de Nadal.

O Mercadiño de Nadal do Barrio de San Antonio está organizado pola Asociación de Veciños e Comerciantes do Barrio de San Antonio, que con esta iniciativa aposta por dinamizar o barrio e celebrar o Nadal de maneira comunitaria e participativa.

⚙ Configurar cookies
0.08172607421875