O Mercado acolle obradoiros científicos e monólogos na rúa no marco da G-Night
O programa de actividades deseñado polo grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia xunto co colectivo de investigadores Agromar, do Campus Terra, co gallo da Noite europea das persoas investigadoras (G-Night) converterá as dependencias do Mercado Municipal e a Rúa Quiroga Ballesteros da capital luguesa nun foro de divulgación científica no que público de todas as idades terán a oportunidade de oportunidade participar e mesmo de ser protagonistas dalgún dos obradoiros previstos, así como dos monólogos científicos, vídeos e sesión demostrativas. Toda a programación é gratuíta e en abeto, sen necesidade de inscrición previa.
Este evento de divulgación científica e posta en valor do labor que desenvolven os investigadores comezará cos talleres Espiando ao inimigo: parasitos ao microscopio, Quen ten máis proteína?, Dío con luz: comunicación con fibra óptica, Fotosíntese artificial, Como nos gusta o pan!, Hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental, Imprensión 3D, Un bosque nun chiscar de ollos, O que agochan as células, Doutor, que lle ocorre á miña vaca?, Todos somos mutantes, Xogando a aprender, Trichinella, o verme que veu cear, Estás preparado para explorar, experimentar e saborear o coñecemento? ou Como se fai para que unha anchoa non se escape dunha oliva rechea?. Estes obradoiros e sesións demostrativas, a través da que se busca achegar ao público de xeito sinxelo, a actividade investigadora que se desenvolve na sede universitaria luguesa, están dirixidos a nenas e nenos, a partir de 4 anos, e tamén ao público adulto.
Alén destas sesións, a Rúa Quiroga Ballesteros de Lugo servirá de escenario de dous monólogos científicos: Unha charla moi picante, e A miña parasitografía: historia dunha parasitóloga parasitada. Asemade, tamén se instalará na rúa unha pantalla xigante na que se proxectarán varios dos relatorios científicos de investigadores do campus lugués.