O Mercado de Abastos de Lugo acolle unha exposición sobre a historia da apicultura galega

LugoXa
A mostra, con acceso libre e gratuíto, inclúe visitas guiadas e catas de mel galego entre o venres e o domingo
mercado-de-abastos-apicultura-galega
6 Aug 2025

O Mercado de Abastos de Lugo converterase esta fin de semana nun espazo de divulgación sobre a apicultura e o mel en Galicia. Desde o venres ata o domingo, este céntrico recinto acollerá unha exposición organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O deputado de Rural, Daniel García, e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, presentaron a mostra xunto a representantes da entidade organizadora. A exposición ofrece un percorrido pola historia do mel e da relación coas abellas a través da evolución das construcións apícolas, e permitirá ver de preto os útiles básicos empregados nesta actividade tradicional.

A exposición poderá visitarse libremente durante o horario de apertura do Mercado, pero tamén se organizarán dous pases especiais ás 12:00 e ás 16:00 horas con visitas guiadas que incluirán explicacións detalladas e unha cata de diferentes variedades de mel galego.

Daniel García destacou que esta iniciativa forma parte do apoio que a área de Rural presta ao sector apícola, con accións formativas dirixidas ás produtoras e produtores, e subliñou que "iniciativas coma esta exposición, pensadas para o público en xeral, contribúen a divulgar a dimensión cultural e ambiental desta actividade e a poñer en valor o mel como alimento".

Pola súa parte, Cristina López resaltou que a proposta "contribúe a dinamizar o Mercado de Abastos cun contido que incide no coñecemento e na promoción dos produtos de proximidade" e animou á cidadanía "a visitar a mostra e a participar nas actividades guiadas".

Tanto a entrada á exposición como a participación nas visitas guiadas son totalmente gratuítas.

⚙ Configurar cookies
0.50694417953491