O Mercado de Lugo acolleu 500 participantes no primeiro semestre de 2025

LugoXa
Os obradoiros celebrados nas mañás dos sábados en Quiroga Ballesteros reuniron 533 nenas e nenos entre xaneiro e xuño
obradoiros-Mercado-Municipal-de-Quiroga-Ballesteros-Lugo
14 Jul 2025

O Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros continúa a consolidarse como un punto de encontro para as familias lucenses grazas á programación de actividades infantís impulsada pola Concellería de Participación e Servizos para a Veciñanza.

A edil responsable da área, Cristina López, fixo balance da participación rexistrada nos obradoiros que se celebran cada sábado pola mañá, salientando que, entre xaneiro e xuño de 2025, participaron un total de 533 nenas e nenos.

Segundo explicou López, “os datos reflicten un balance moi positivo que confirma o interese e boa acollida desta proposta por parte das familias da cidade”.

Durante o primeiro semestre do ano, as cifras de asistencia repartíronse do seguinte xeito: 104 crianzas en xaneiro, 103 en febreiro, 121 en marzo, 87 en abril, 68 en maio e 50 en xuño, quedando aínda pendentes os datos correspondentes ao mes de xullo para completar o reconto anual.

As actividades programadas pola concellería, que se estenderán ata o día 26 deste mes, inclúen obradoiros de reciclaxe, creatividade e cociña, adaptados ás diferentes idades das crianzas participantes.

Os talleres desenvólvense todos os sábados entre as 11:00 e as 14:00 horas, nun ambiente pensado para favorecer a participación segura e o entretemento dos máis pequenos, mentres as familias realizan as súas compras no mercado.

A concelleira quixo agradecer a boa resposta da veciñanza e animou a seguir participando neste tipo de iniciativas, lembrando que “continuaremos traballando para facer da Praza e do Mercado espazos de vida, encontro e alimentación responsable e de proximidade para toda a cidadanía”.

⚙ Configurar cookies
0.20585298538208