O Mercado de Quiroga Ballesteros acolle o primeiro Foro da La

LugoXa
Contará cunha feira de la e de produtos feitos con ela ou a exposición de proxectos que xiren arredor desta materia prima
I-Foro-da-La
20 Aug 2024

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove e colabora co I Foro da La, organizado pola Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica) para dar visibilidade ao problema da xestión da la e potenciar o seu uso como materia prima. O encontro celebrarase a fin de semana do 14 e 15 de setembro no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros de Lugo e contará cunha feira de la e de produtos feitos con ela ou a exposición de proxectos que xiren arredor desta materia prima.

Durante ambas xornadas tamén se proxectarán documentais e haberá encontros, concertos, obradoiros, demostracións e mesas redondas que permitirán coñecer mellor o produto. Na cita  colabora a área de Participación e Servizos para a Veciñanza. O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro destacou a
colaboración coa entidade gandeira “contribuíndo a estabilidade e continuidade dunha labor que beneficia directamente as gandeiras e gandeiros asociados, atendendo necesidades relacionadas coa súa actividade cotiá, e que permite que encaren de xeito colectivo os retos dun sector fundamental para o mantemento do territorio”.

A concelleira lucense Cristina López agradeceu a “colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e de Ovica nesta cita, que contribúe a dinamizar o mercado e a dar a coñecer a un público diverso a unha carne de excelentes propiedades, mentres seguimos a traballar para que a Praza e o Mercado conten cunha programación de actividades ampla e diversa ao longo de todo o ano".

Destacou tamén o traballo realizado pola área de Participación "en organizar diversas actividades na Praza e no Mercado ao longo do ano”.  A edil de Participación afirmou que "seguimos traballando para traer a estas dúas instalacións as mellores actividades", e anunciou que "nas vindeiras semanas anunciaremos a programación dos novos obradoiros infantís, unha actividade que permite facilitar a conciliación familiar con preto de 600 nenas e nenos na primeira metade do ano".

López agradeceu "a implicación" dos distintos negocios da Praza e do Mercado coa promoción deste espazo no obxectivo de "facer da Praza e do Mercado lugares de referencia para o comercio local, poñendo novos servizos a disposición de toda a veciñanza para que decidan achegarse a estas instalacións a facer as súas compras". No acto tamén participaron a deputada de Cultura Iria Castro, o tenente de alcaldesa de Lugo Rubén Arroxo e representantes de Ovica.

Ovica é a única asociación de gandeiras e gandeiros que aglutina a todo o sector ovino e cabrún de Galicia. Na actualidade conta con preto de 160 socios repartidos por todo o territorio galego, con arredor de 13.000 cabezas reprodutoras, o que supón unha media de case 110 reprodutoras por explotación. Esta entidade representa a preto do 25 % das gandarías con máis de 150 animais censados, o que amosa a representatividade no sector e o seu potencial de crecemento.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.21223783493042