O Mercado de Quiroga Ballesteros amplía o seu horario durante o Arde Lucus

Os postos de hostalería do Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros contarán cun horario especial con motivo da celebración do Arde Lucus.
Durante a fin de semana festiva, o recinto abrirá ata as 23:00 horas o venres 13 e o sábado 14 de xuño, mentres que o domingo 15 permanecerá operativo de 10:00 a 16:30 horas.
A medida responde á elevada afluencia de visitantes que se agarda durante estas datas e á demanda do propio sector, coa intención de ofrecer un mellor servizo tanto á veciñanza como ás persoas que se achegan á cidade.
Segundo explicou a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, esta decisión busca facer do mercado un espazo vivo e referencial tamén durante o Arde Lucus, reforzando a súa presenza como punto neurálxico da vida social e comercial de Lugo.
Con esta ampliación horaria, a Tenencia de Alcaldía renova o seu apoio á hostalería local, promovendo a dinamización económica e a mellora da atención ao público durante unha das festas máis multitudinarias do ano.