O Mercado Diversiarte terá lugar dos días 15 ao 17 deste mes na praza Horta do Seminario
O mercado solidario de Diversiarte estará ubicado este ano na Horta do Seminario, dos días 15 a 17 deste mes. Trátase da 15 edición desta iniciativa, que organiza o Concello de Lugo en colaboración coas distintas asociacións do eido social de Lugo.
A feira, que se recupera este ano tras a paréntese no pasado ano con motivo da pandemia, estará aberta de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
A alcaldesa de Lugo, que participou na lectura do manifesto que se desenvolveu con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, animou á cidadanía a realizar as súas compras de Nadal en Diversiarte, “xa que esta feira non só e unha oportunidade para coñecer e visibilizar o labor que realizan os colectivos que traballan en favor dos dereitos das persoas, senón unha axuda que irá destinada a axudar no seu funcionamento durante o resto do ano”.
Esta cita é unha oportunidade para que a cidadanía aporte o seu gran de area a ditos colectivos grazas a este mercado, onde se poderá atopar información das distintas entidades así como distintos produtos elaborados nas súas asociacións.
Nela participarán os seguintes colectivos: Síndrome Wolf, AGAL, Capaces, Alucem, Alusor, Alufi, AECC, Diabéticos Lucenses, AFALU, ALCER, ASPALU, FADEMGA, ONCE, AUXILIA, ADACE, ASPNAIS, FEAFES, ALUME, COGAMI, ASORLU, ASFEGA, DOWN, San Vicente de Paúl, Bonhomía, Os Pinchacarneiros e Raiolas.