O Mercado Tradicional de Lugo trasládase á Praza da Soidade

LugoXa
O Concello habilitou unha carpa para os vendedores que se manterá na nova ubicación ata que rematen as obras na praza de abastos
carpa mercado praza soidade lugo
13 Feb 2021

A Praza da Soidade acollerá dende a vindeira semana aos vendedores e vendedoras do Mercado Tradicional de Lugo, que se ven desprazados da súa ubicación habitual polos traballos que se están a levar a cabo na Praza de Abastos, co obxecto de reformar o soto. A área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello vén de habilitar unha carpa nesa zona, diante do Museo Provincial, para que os vendedores poidan colocarse cos seus produtos a partires do venres 19 e ata que rematen os traballos na praza de abastos.

A carpa ten cabida para uns 44 postos polo que, segundo din dende a Área de Participación, "todas as persoas que estaban acudindo ao mercado tradicional poderán contar co seu espazo de venta". A disposición dos postos realizarase tendo en conta a separación requirida para garantir o cumprimento da distancia de seguridade interpersoal entre as vendedoras e as persoas que se acheguen a mercar.

O Mercado Tradicional desenvólvese nas mañás dos martes e dos venres, entre as 8:30 e as 14:30 horas. Os produtos que se venden neste mercado son os propios da colleita, que cumpren a normativa sobre seguridade alimentaria e contan coas autorizacións en vigor.

carpa mercado praza soidade lugo 2
0.16591191291809