O MIHL acollerá este venres a gala benéfica Lucus Moda Atlántica
O importe recadado a través das entradas, que teñen un prezo de 20 euros, será donado íntegramente a UNICEF, o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia.
O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acollerá este venres, 28 de abril, a partir das 20:30 horas, a gala benéfica Lucus Moda Atlántica, organizada polo Concello dentro da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. “Esta cita servirá para dar a coñecer as obras e creacións de deseñadores e deseñadoras galegas e portuguesas e, ademais, servirá de escenario para a promoción e divulgación do comercio e deseño de moda do noroeste peninsular”, explicou a alcaldesa, Lara Méndez.
As entradas para o evento terán un prezo de 20 euros que serán donados íntegramente a UNICEF. Xa se atopan a disposición do público nos seguintes establecementos: Montse Arias (rúa San Froilán, 44), Tina Cortón (Galerías Villamor, local 16) e Aobá Upcycling y Alvaroff (San Roque, 49). En total, haberá un aforo para 250 persoas.
A maestra de cerimonia será Paloma Lago, ferrolá recoñecida a nivel nacional no mundo da moda e como presentadora de diferentes programas de televisión. Ademais, o evento estará amenizado coa música en directo do grupo galego “Broken Peach”, formado a principios de 2009.
A cita contará coa participación de recoñecidas deseñadoras galegas como Montse Arias, Karol Farias, Tina Cortón e Inés Penelas; xóvenes talentos como Lorena Vello, Carilroe e Claudia; así como deseñadores/as portugueses como Flavio Brandao e María Gambina.
Toda a información sobre esta actividade, así como do resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico pode consultarse a través da páxina web www.lugocapitaldacultura.com, onde se atopan actualizados os horarios, ubicacións e datas das diferentes iniciativas que terán lugar ao longo do ano na cidade amurallada.
Diseñadoras e diseñadores participantes
Montse Arias: Comezou a súa andaina profesional inaugurando a súa Atelier en 2003, en Lugo, coa ilusión de crear deseños únicos para cada muller, reflectindo o estilo e personalidade de cada unha delas. Deseños con tecidos únicos e acabados artesanais de calidade para unha muller elegante e actual, sen medo a romper convencionalismos e estereotipos. Creacións para noivas únicas, madriñas elegantes e invitadas exclusivas. Atópase ubicada na rúa San Froilán, 44 baixo, onde ofrece pequenas coleccións prêt-á-couture ou deseños moi persoais feitos a medida.
Karol Farias: Brasileira con raíces en Galicia, empezou a traballar na moda en 2011, despois de vencer o concurso “Novos Talentos Barra Fashion Mall”, un dos máis grandes eventos de moda do nordés de Brasil. Inquieta respecto a as cuestións ambientais e coñecedora do impacto negativo xerado por esta industria, a finais de 2018 empezou a esbozar a idea dunha marca de roupa sostible, alimentando a ilusión de producir moda xerando o menor impacto posible para o medioambiente. Dese desexo de xerar impacto positivo a través do seu traballo coa moda, nace Aobá Upcycling.
Tina Cortón: Deseño e confeccións a medida para señora e cabaleiro, traballos artesanais, bordados. Confección de vestidos, saias, camisas, traxes a medida, blusas, pantalóns, vestidos para eventos etc. Confección de camisas a medida para cabaleiro. Máis de 27 anos no sector (desde 1996) sitúase na Praza de Santo Domingo, 2 en Lugo.
Inés Penelas: Deseñadora e creadora da marca INPE, en activo desde 1990. Referente do luxo artesanal e o traballo en pel desde hai máis de 25 anos a nivel nacional. Pezas para toda a vida, confeccionadas unha a unha con todo o savoir-faire da experiencia e a creatividade que caracteriza á súa creadora, Inés Penelas. Desde os seus inicios colaborou con asociacións e fundacións que promoven a inserción sociolaboral de persoas con discapacidade.
Flávio Brandão: As coleccións de Flávio Brandão están dirixidas a mulleres e homes de forte actitude e que transmiten confianza no seu estilo. Con estruturas melloradas e orixinais, detalles de cores e xogos de texturas forman unha composición de siluetas dinámicas que definen looks carismáticos e auténticos. A súa estética baséase en reinterpretar os clásicos e explorar novos elementos na procura da perfección visual.
María Gambina: Foi a deseñadora elixida para representar a Portugal, como embaixadora portuguesa, no ámbito do Euro-Fashion/Fashion ft. Fútbol 2012 en Ucraína. Maria Gambina, marca creada en 1993, participou en innumerables proxectos e retos postos en marcha por marcas, empresas e institucións, nun camiño ligado tanto á moda como á música, e que logo enlaza todo.