O Millaven CPLucense clasifícase para a Final Four de ascenso tras vencer ao Sanxenxo

LugoXa
Con este resultado, os lucenses disputarán a próxima fin de semana en Tui a Final Four polo ascenso
Millaven-CPLucense
6 May 2025

O Millaven CPLucense conseguiu o seu billete participar na Final Four de ascenso a 2ª Nacional tras impoñerse ao Sanxenxo nun emocionante encontro disputado na Casa do Deporte de Lugo, que rexistrou unha gran afluencia de público.

O conxunto lucense saíu ao partido con moita intensidade e concentración, logrando marcar no seu primeiro ataque e mantendo sempre o control do xogo. Cun ataque fluído e unha defensa sólida, sumada á destacada actuación dos porteiros Cristóbal e Enol, o Millaven chegou ao descanso cunha vantaxe de cinco goles (19-14).

Na segunda metade, o guión mantívose durante os primeiros minutos, co equipo local controlando o marcador (26-21 a falta de 15 minutos). Porén, o Sanxenxo reaccionou tirando de experiencia e logrou reducir a diferenza a un só gol (30-29), acendendo a emoción na bancada.

Foi entón cando o impulso do público volveu ser determinante e deu folgos ao Millaven, que soubo resistir a presión final e asegurar a vitoria por 33-31.

Con este resultado, os lucenses disputarán a próxima fin de semana en Tui a Final Four polo ascenso, enfrontándose nas semifinais ao Xiria na tarde do sábado.

⚙ Configurar cookies
0.8448920249939