O Ministerio de Política Territorial apoia a reparación de danos ocasionados no incendio forestal de marzo en Baleira
O Concello de Baleira acolleuse á liña de axudas lanzadas polo Ministerio de Política Territorial para que as entidades locais (concellos e deputacións) poidan reparar infraestruturas públicas afectadas por distintas catástrofes naturais ocorridas nos últimos meses en España.
Estas axudas, que mobilizan un investimento de 11.822.417 euros no conxunto do país, repártense entre todos os concellos afectados gravemente por unha emerxencia de protección civil.
Na convocatoria inclúese ao Concello lucense de Baleira, en resposta aos danos provocados polo incendio forestal do pasado mes de marzo, que obrigou á evacuación de varias poboacións e á intervención da UME.
Neste caso, o Goberno reserva 38.720 euros, que se corresponde ao 50% do total estimado para a reparación daquelas infraestruturas públicas, de titularidade municipal ou provincial, danadas neste incendio. O total mobilizado nestas obras estímase en 77.440 euros.
Datos xerais da convocatoria
Esta convocatoria de axudas responde a resolución do Consello de Ministros do pasado 20 de xuño e responde ao danos en infraestruturas municipais e rede viaria provincial de territorios afectados por sucesos ocorridos entre o 20 de agosto de 2022 e o 8 de xuño deste ano.
Son os concellos e/ou deputacións os que deben solicitar estas axudas, cuxa convocatoria estará aberta ata o día 5 de outubro de 2023. Tamén poderá sumarse a mesma outras localidades afectadas que non declarasen danos, sempre que cumprisen os requisitos de elixibilidade (declaración de Zona Afectada Gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil).