O Mitma abre en Lugo o primeiro asentamento do Ineco
A alcaldesa visitaba esta mañá a sede aberta en Lugo como primeiro centro remoto de produción de toda España, integrado por 15 profesionais de elevada cualificación.
O primeiro centro remoto de produción de Ineco en España xa está operativo en Lugo.
A alcaldesa, Lara Méndez, visitaba esta mañá as instalacións da consultora pertencente ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana acompañada do seu presidente o tamén lucense Sergio Vázquez Torrón.
A empresa de enxeñaría conta con 15 empregado/as traballando na recentemente estreada oficina, primeiro centro remoto que abre no país. A compañía integrada por máis de 5.500 profesionais, desenvolve proxectos punteiros técnica e tecnoloxicamente no ámbito da mobilidade sustentable e a transformación dixital, tanto a nivel nacional como internacional, tendo presenza, actualmente, nos cinco continentes.
“É para nós un orgullo como lucenses comprobar que a cidade ofrece un ecosistema atractivo que resulta un reclamo para que as entidades privadas - como vemos sucede a través do fondo de capital Lugo Transforma - pero tamén as públicas escollan o noso municipio para desenvolver a súa actividade e decidan establecerse aquí para iniciar ou avanzar no seu proceso de descentralización”, sinalou a rexedora.
Méndez comprobou da man do presidente de Ineco que o equipo instalado en Lugo responde a un perfil diverso e multidisciplinar con titulacións diferentes que van desde a enxeñaría civil, de camiños, aeronáutica, agrícola, pasando por arquitectura e informática.
“Procedentes de distintos puntos de España este grupo de profesionais traballa actualmente en proxectos para Adif, Enaire e Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e poderán, nun futuro, achegar a súa experiencia para outros proxectos nacionais e internacionais que a empresa está a desenvolver”, avanzou Sergio Vázquez.
A alcaldesa aplaudiu tamén a vontade de Ineco de impulsar alianzas con universidades e centros de Formación Profesional, así como de abrir posibles vías de colaboración con empresas locais no territorio, en alusión ao convenio de colaboración asinado esta mesma xornada coa USC para avanzar no deseño de infraestruturas lineais de ferrocarril e estradas. Deste xeito, investigadores do Campus de Lugo de Enxeñería Civil e do Departamento de Matemáticas que son punteiros na área, traballarán conxuntamente no desenvolvemento dunha aplicación pioneira a nivel mundial con gran potencial.
Novo modelo de descentralización lanzado en marzo
Méndez aproveitou a visita para valorar moi positivamente o modelo de descentralización lanzado pola compañía o pasado mes de marzo, nunha aposta pola territorialidade que abriu ás e aos seu profesionais a posibilidade de realizar a súa actividade desde calquera punto de España, indistintamente de onde se desenvolva o proxecto no que participan, aproveitando o potencial tecnolóxico do que dispón a empresa.
Vázquez Torrón deu conta de que, a través da enquisa interna lanzada a principios de marzo, máis de 800 empregado/as de Ineco interesáronse por sumarse a esta mobilidade xeográfica, identificando as localizacións polas que mostraban unha maior predilección.
“Foi atendendo aos resultados obtidos, e ao estudo desenvolvido pola compañía no que se analizaron, entre outros factores, as localizacións preferentes, os perfís profesionais por áreas xeográficas e a capacidade de crecemento a futuro, cando se decidiu lanzar os tres primeiros centros en Lugo, Santander e Cáceres”, concluíu o presidente de Ineco.