O Mitma licita a obra da glorieta da N-VI en Outeiro de Rei
O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) licitou, por importe de 449.890 euros (IVE incluído), as obras de Mellora de seguridade viaria mediante implantación de glorieta na intersección do km 513,670 da N-VI, no termo municipal de Outeiro de Rei. Proximamente publicarase no Boletín Oficial do Estado (BOE) o anuncio correspondente.
A actuación proxectada consiste na transformación en glorieta da actual intersección en T da estrada N-6 coa estrada autonómica LU-115, mellorando a súa funcionalidade ao resolver de forma máis adecuada os importantes movementos de xiro existentes.
Tamén se mellorará a seguridade viaria, permitindo acougar a velocidade media do tráfico ao seu paso pola travesía de Outeiro de Rei e dispoñendo ademais de novos cruces peonís seguros nos tres accesos á glorieta.
Así mesmo, contémplase a reposición de itinerarios peonís, paradas de autobús, elementos de drenaxe, sinalización, iluminación e outros servizos que resulten afectados polas obras da glorieta.
Con esta reforma, mellorarase a seguridade viaria do tramo facilitando todos os movementos.