O Mitma pon en valor o Camiño francés na comarca

LugoXa | SarriaXa
Isabel Rodríguez destaca en Paradela o compromiso do Goberno coa revitalización do Camiño de Santiago, que inclúe actuacións en dez concellos
paradela subdelegacion goberno
29 Jun 2021

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, remarcou a aposta do Executivo pola revitalización do Camiño de Santiago, que se pon de manifesto nas distintas obras que ten en marcha na provincia o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, así como nos investimentos previstos dentro do Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22.

Isabel Rodríguez explicou que o compromiso do Goberno co Xacobeo reflíctese tanto nas obras de posta en valor do Camiño francés en dez municipios das provincias de Lugo e A Coruña, que financia o Ministerio dirixido por José Luis Ábalos, como nas previsións do Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22, presentado este mes pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. 

A subdelegada destacou que o Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22, que está dotado con 121 millóns de euros, tamén contempla actuacións para a conservación de monumentos situados nos Camiños a Compostela ao seu paso pola provincia de Lugo. 

Rodríguez efectuou estas declaracións en Paradela, onde visitou, acompañada polo alcalde, José Manuel Mato, unha das actuacións de mellora do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo, que financia integramente o Goberno. 

MÁIS DE 534.000 EUROS DE INVESTIMENTO PARA A PENA

En Paradela, o Mitma está a executar unha actuación para a recuperación e posta en valor do núcleo rural tradicional da Pena, con un investimento de 534.651 euros. Esta actuación, que comezou na primavera, está financiada en exclusiva polo Ministerio que tamén asume os honorarios pola redacción de proxecto e dirección facultativa das obras. 

O proxecto de recuperación do núcleo tradicional da Pena, que pertence á parroquia de Ferreiros e forma parte da etapa Sarria-Portomarín do Camiño Francés, céntrase na traza do Camiño de Santiago e na zona interior do núcleo e supón a realización de traballos nunha superficie aproximada de 1.700 m2. A actuación inclúe a dotación dos servizos de abastecemento, saneamento, rede de pluviais e o soterramento dos tendidos aéreos de baixa tensión e alumeado. 

Esta obra forma parte do programa de intervencións de interese cultural do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que ten por obxecto a mellora do Camiño a Santiago ao seu paso por dez concellos das provincias de Lugo e A Coruña. Na nosa provincia, o programa abrangue intervencións en Palas de Rei, Portomarín, Paradela, Sarria, Triacastela, Monterroso e Pedrafita do Cebreiro. 

Os traballos de posta en valor do núcleo da Pena teñen un prazo de execución de dez meses e a súa execución foi adxudicada polo Ministerio á empresa Construcciones Taboada y Ramos, S.L.

0.085649013519287