O Monte Segade acolle este sábado a III proba da Liga Galega de Orientación a Pé 2026

O Monte Segade converterase este sábado nun dos puntos de referencia do calendario deportivo galego coa celebración da terceira proba da Liga Galega de Orientación a Pé 2026, unha cita que prevé reunir entre 300 e 350 deportistas chegados de distintos puntos da comunidade.
A competición desenvolverase durante a mañá do sábado 14 de marzo, aproximadamente entre as 09:30 e as 14:30 horas. Tanto a saída como a meta estarán situadas no propio Monte Segade, escenario natural no que os participantes deberán completar os percorridos de orientación previstos para a proba.
O evento está organizado polo Club Fluvial, coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Lugo, que apoia esta iniciativa deportiva que cada ano atrae a un elevado número de participantes.
A xornada combinará actividade física, contacto coa natureza e habilidade na orientación, nun espazo natural situado nas proximidades da cidade que ofrece condicións idóneas para a práctica desta disciplina deportiva.