O Moto Club Lóstregos Lvcvs organiza a cuarta edición da Motorromería pola montaña lucense

O vindeiro sábado 29 de marzo, o Moto Club Lóstregos Lvcvs organiza a cuarta edición deste evento que combina a paixón polas motos e o amor pola terra galega, baixo o espírito do movemento Slow Rider: viaxar sen présa, gozando do camiño, da cultura, da paisaxe e da gastronomía local.
A ruta deste ano propón un percorrido de 240 quilómetros por estradas secundarias da provincia de Lugo, atravesando paraxes de singular beleza e valor etnográfico.
Nesta ocasión, a Motorromaría adentrarase nas terras e montes dos Ancares Lucenses, declarados Reserva Natural Etnográfica, grazas á colaboración coa Asociación Montes e Vales Orientais – GDR3.
Como novidade, esta edición contará con dous cronistas de excepción: Fran Lorenzo, do canal #Galicianómada, e Roberto Naveiras, do recoñecido podcast Viajoenmoto.com, que acompañarán e relatarán esta experiencia única sobre dúas rodas.
A xornada comezará en Lugo, cun primeiro tramo de 140 quilómetros no que os motoristas descubrirán algúns dos lugares máis emblemáticos dos Ancares Lucenses. En Navia de Suarna, os participantes serán recibidos por Fe Álvarez e a Asociación Montes e Vales Orientais, que ofrecerán un ágape para repoñer forzas antes de continuar a travesía.
Ao mediodía realizarase unha parada en Becerreá, onde os asistentes gozarán dunha comida ao aire libre con produtos típicos galegos. Esta parte do encontro conta coa colaboración do Concello de Becerreá, que facilita o espazo para esta experiencia gastronómica e de convivencia.
Pola tarde, a ruta continuará con 100 quilómetros adicionais a través de enclaves de alto valor natural como a Fraga da Marronda, un bosque autóctono onde carballos, bidueiros e acivros conforman un ecosistema único. Alí nace o río Eo, que conecta Galicia e Asturias ata a súa desembocadura no Cantábrico. Tamén se visitará a Fraga de Azumara, camiño a Castro de Rei, cruzando sendeiros entre carballos e castiñeiros centenarios, antigos muíños e pasarelas de pedra.
O peche desta xornada motera terá lugar en Lugo, cunha cea especial e a entrega de premios aos participantes máis destacados: ao motorista máis veterano, ao máis novo, ao que percorrese máis quilómetros para asistir, entre outros recoñecementos.
Dende o Moto Club Lóstregos Lvcvs expresouse un profundo agradecemento ao Concello de Becerreá, a Fe Álvarez e á Asociación Montes e Vales Orientais, así como ao Concello de Cervantes, cuxo compromiso e colaboración fan posible esta experiencia única de conexión coa Galicia máis auténtica.