O Motoclub Lóstregos - Lvcvs organiza a quinta edición da súa ruta 'Pata de Xato'

O Motoclub Lóstregos - Lvcvs organiza a quinta edición da súa xa tradicional ruta mototurística culinaria coñecida como Pata de Xato, unha cita que combina a paixón polas motos, as paisaxes de montaña e a boa gastronomía.
Esta terá lugar o 26 de abril e, como cada ano, a xornada comezará cun almorzo en Lugo arredor das 10.00 da mañá, para logo iniciar unha ruta por estradas secundarias e pouco transitadas que levarán ás persoas participantes a descubrir algúns dos paraxes máis fermosos entre Galicia e Asturias.
Unha das primeiras paradas será na Fonsagrada, onde o Concello ofrecerá un ágape de benvida, seguido dunha visita ao Museo Etnográfico, un espazo que recolle a historia e a cultura da zona.
A ruta continuará por enclaves naturais tan emblemáticos como A Cova do Inferno, a fervenza de Vilagocende (unha das máis espectaculares de Galicia) e o entorno de Río de Porcos, antes de afrontar o paso polo Alto do Acebo, xa no límite con Asturias.
O percorrido culminará no complexo hostaleiro O Piñeiral, onde todas as persoas asistentes poderán gozar dunha comida especial con pratos típicos da zona, entre eles o protagonista do evento: a tradicional pata de xato.
As persoas interesadas en participar nesta experiencia mototurística deberán inscribirse previamente chamando ao número de teléfono 619 98 78 09.