O Movemento Cívico Campus Lucense esixe a creación dunha facultade de Enfermaría en Lugo

LugoXa
Demandan a paralización do acordo e a apertura dun proceso de diálogo para a creación dunha verdadeira facultade de Enfermaría en Lugo
2Reunión-Colexio-de-Enfermería-Concello-de-Lugo
7 Aug 2025

A Federación Veciñal Lucus Augusti e o Movemento Cívico Campus Lucense manifestan o seu compromiso coa defensa e promoción do Campus Universitario de Lugo, especialmente da Escola de Enfermaría, que consideran fundamental para manter o peso do campus dentro da universidade galega.

Este movemento, formado por case cen entidades sociais, sindicais, empresariais, políticas e gobernamentais, naceu hai máis de ano e medio para frear a reducción de titulacións no Campus Terra e hoxe centra a súa preocupación na recente modificación do modelo de dependencia académica da Escola de Enfermaría.

A Consellería de Sanidade e a Universidade de Santiago de Compostela asinaron un acordo polo cal a Escola de Enfermaría de Lugo pasará a depender académicamente da Facultade de Enfermaría de Santiago, o que implica para Lugo unha perda de autonomía e peso académico.

Desde a Federación e o Movemento Cívico demandan a paralización deste acordo e a apertura dun proceso de diálogo para a creación dunha verdadeira facultade de Enfermaría en Lugo, que conte con capacidade docente e investigadora plena, así como con órganos de goberno autónomos.

A diferenza entre escola e facultade é fundamental: mentres a escola pode impartir docencia, non dispón dunha estrutura propia de investigación nin dunha representación institucional relevante dentro da universidade, aspectos que, ao seu entender, son imprescindibles para garantir a consolidación e o prestixio do campus lucense a longo prazo. Ademais, expresan a súa preocupación polo futuro da Escola de Relacións Laborais, cuxo panorama é similar ao da Escola de Enfermaría.

Por último, o Movemento Cívico Campus Lucense avisa que se non se alcancen acordos institucionais que garantan o status que Lugo merece, emprenderán as medidas de presión necesarias para evitar que o campus universitario lucense perda protagonismo, un factor clave para o desenvolvemento social e para garantir igualdade de oportunidades aos estudantes da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.38126397132874