O Movemento Cívico Campus Lucense pide que Candia se posicione con respecto á situación da universidade

LugoXa
Dende o Movemento Cívico Campus Lucense solicitan o posicionamento de Elena Candia con respecto á situación de crise do Campus da cidade.
campus_terra_lugo
27 Feb 2024

Dende o Movemento Cívico Campus Lucense solicitan o posicionamento de Elena Candia con respecto á situación de crise do Campus da cidade.  Aseguran que ata este momento a universidade non tivo “unha crise de semellante magnitude nin foi atacada de un xeito tan belixerante, ata o punto do que sucedeu o día 8 de febreiro de 2024, co parlamento xa disolto a 10 días das eleccións, publicando unha resolución onde lle permite crear a Ourense o que lle van chamar Campus Auga”. Para o colectivo, é unha copia case exacta da universidade lucense feita nun momento “onde estaba paralizada a creación de novas titulacións en todos os campus universitarios e con moitas menos esixencias que as que tivemos que soportar cando foi creado o Campus Terra”.

No medio da crise, observan posicionamentos por parte de todos os partidos da provincia “de xeito claro a favor de defender o noso Campus, con alcaldes de todas as cores políticas firmando sen dubidalo o manifesto”. Porén aseguran que dende a Dirección Provincial do Partido Popular, representado por Elena Candia, mantiveron “unha posición esquiva, e ambigua, evitando sempre o enfrontamento co seu propio partido en Santiago”.

Deste xeito, botan de menos a defensa por parte da política “con algo similar a ese metafórico golpe na mesa que facía tremer a Fraga en Santiago, que neste caso nin sequera é para impoñerse a Ourense, senón para esixir dignidade, e que non nos quiten o que xa é noso”. Para eles as duplicidades non son boas para ningunha das dúas universidades, “sendo un despropósito estratéxico para o futuro de ambas”. Dende o Movemento Cívico Campus Lucense van a seguir defendendo os dereitos de Lugo, esixindo a singularidade para as titulacións, o cambio do número mínimo de 45 alumnos e que non haxa duplicidade de titulacións.

0.19085788726807