O mural 'A Castrexa' protagonista da maior comunidade de arte urbana do mundo
‘A Castrexa’ do artista lucense Manuel Pallín (Concepto Circo), mural impulsado pola Alcaldía de Lugo na Rolda da Muralla como un tributo ao pasado castrexo da cidade, é protagonista esta semana da maior comunidade de arte urbana do mundo, Street Art Cities. “Esta plataforma xa recoñeceu en 2021 outra obra da cidade, en concreto o graffiti de Julio César elaborado por Diego As, que foi seleccionado como mellor mural do ano a nivel internacional”, lembrou a rexedora, Lara Méndez.
Deste xeito, a plataforma, con máis de 58,6 mil seguidores na súa conta de instagram (@streetartcities), volve a poñer o foco na cidade de Lugo, grazas ao traballo creativo dos artistas lucenses e do apoio do goberno municipal a esta disciplina. Neste senso, a alcaldesa explicou que “nunha publicación de Instagram a castrexa figura xunto a outros espectaculares murais de países como Bélxica, Brasil, Estados Unidos, Italia ou Francia, contribuíndo a visibilizar a nosa cidade e situala como referente da arte urbana a nivel mundial”.
“Así, incidiu Méndez, a castrexa é xa outro dos patrimonios artísticos de Lugo o que axudará a impulsar a súa imaxe como cidade convertida en museo ao aire libre; unha condición á que se chega logo da aposta decidida que fixemos dende o Concello por embelecer os espazos públicos a través da arte urbana, humanizándoos e facéndoos máis atractivos e confortables para a convivencia da veciñanza”.
O mural súmase, así, ás actuacións levadas a cabo na rúa do Esquecemento, emblema da rexeneración urbanística á que facía mención a alcaldesa, pero tamén ás intervencións das Casas Sindicais ou a Praza da Liberdade, dentro dun programa moito máis amplo no que o Executivo de Lara Méndez empregou a creatividade do graffiti como ferramenta de integración social e capacitación da mocidade lucense.
A Castrexa está pintada cunha gama cromática de grises e beiges para ser respectuosos coa contorna da Muralla, nunha fachada de 20 metros de alto na Rolda, e representa a unha guerreira castrexa ataviada cos elementos característicos como son as prensas, xoias e armas. O executivo de Méndez apostou pola súa elaboración xusto cando o municipio está ás portas de celebrar o primeiro Arde Lvcvs considerado como Festa de Interese Turístico Internacional.
Para levala a cabo, Manuel Pallín contou co asesoramento da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, e do arqueológo municipal, Enrique Alcorta.
Atópase ubicada, así mesmo, nun espazo con moito tránsito, nunha medianeira do edificio número 158 da Rolda da Muralla, e que permite a súa observación dende o propio adarve “o que seguro lle outorga versatilidade como ‘selfpoint’ para que tanto as e os visitantes como o conxunto da cidadanía poida sacar as súas propias imaxes e instantáneas, como está a suceder xa co mellor mural do mundo de 2021, o Julio César de Diego As, vinculado ao legado romano”, explicou a alcaldesa.
O Executivo local leva impulsando a arte urbana desde hai doce anos (2009) como unha forma de expresión que “non só embelece ao conxunto do municipio, senón que tamén permite enxalzar ideas e mesmo a nosa identidade”, destacou Méndez.
Méndez lembrou, finalmente, que “con este mural queremos, ademais, amosar o papel que as castrexas tiveron hai 2.000 anos na defensa da súa terra dominada entón polos romanos, pero tamén o protagonismo das mulleres no Arde Lvcvs, con catro asociacións formadas integramente por mulleres e unha presenza e participación superior ao 40% en todas as celebracións”. Neste senso, subliñou que, no 2021, Lugo recibiu o galardón Tourism Women Friendly, promovido pola organización Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE), pola visibilización da muller nesta festa de recreación histórica.
Street Art Cities
Street Art Cities é unha comunidade internacional destinada a compartir e encontrar arte urbano. Trátase dunha plataforma na que se achega información dos murais de cada cidade, onde localizalos e información de cada un deles, como por exemplo, o nome do artista, como fixo a súa obra ou onde localizala. Actualmente xa ten rexistradas máis de 34.000 obras de arte dunhas 900 cidades, e ao redor de 90 países.