O Muralla R.C. xógase a permanencia nun partido clave en Lugo

Este sábado, 8 de marzo, ás 16.30 horas, o Muralla R.C. enfrontarase ao Ferrol R.C. nun partido crucial para a salvación automática do equipo Senior lucense, que evitará disputar a promoción de descenso á segunda división.
A tempada foi difícil para o conxunto lucense, que contou con moitas caras novas, incluídos os primeiros ascensos dos xogadores da canteira que proceden dos equipos da Escola.
"A longo do ano, o equipo viviu un continuo proceso de adaptación, o que levou a un final de liga complicado, ocupando a penúltima posición da táboa", explican dende o club.
Co Lalín R.C. xa descendido con só 4 puntos, a incógnita recae en quen ocupará a praza que se disputará no play off de descenso.
Actualmente, o Ferrol R.C. ocupa a quinta posición con 15 puntos, mentres que o Muralla R.C. atópase na sexta con 10 puntos. A vitoria, xunto co punto bonus, é vital para os de Lugo, xa que sumarían 5 puntos de diferenza con Ferrol e relegaríanos á sexta praza, tras lograr unha axustada vitoria en Ferrol por 14-16.
O Muralla R.C. confía no factor de xogar na casa para levarse a vitoria e dar un paso decisivo cara á permanencia, polo que "os xogadores darán todo no campo para asegurar a salvación e manter viva a esperanza dunha mellor clasificación", destacan dende o Muralla R.C.