O Museo da Migración nace como espazo virtual para reflexionar sobre os movementos humanos

A Rede Museística Provincial de Lugo vén de lanzar o Museo da Migración, un proxecto virtual que propón unha nova mirada sobre os desprazamentos de persoas no mundo e que se constrúe como ferramenta educativa e de activismo polos dereitos humanos.
Pensado para docentes, entidades, creadoras e calquera persoa interesada, o museo busca fomentar sociedades de acollida máis xustas e conscientes.
Desde a perspectiva galega da migración —de saída, de retorno e de acollida—, esta iniciativa con raíces lucenses pretende dialogar co mundo desde unha visión integradora. “Non hai un nós e un eles. A experiencia migratoria está composta de fíos que nos permiten tecer un nós máis amplo e diverso”, explicou Encarna Lago, directora da Rede Museística Provincial de Lugo.
A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou que esta proposta xorde “dos procesos de escoita cos colectivos sociais e coas persoas que participan nas actividades dos museos provinciais” e valorou a súa capacidade para influír na percepción social das migracións, que —recordou— “configuran historicamente as sociedades en que vivimos”.
O museo aposta por outro tempo no dixital, afastado da lóxica do consumo rápido. Invita á pausa, á reflexión e ao pensamento crítico a través dunha narrativa coidada e contidos que buscan provocar conexión emocional.
No seu núcleo atópase unha colección de voces: achegas sonoras que relatan en primeira persoa experiencias migratorias marcadas por perdas, aprendizaxes e esperanza. Esta colección está aberta á participación cidadá.
Completan o proxecto tres liñas de acción: unha de investigación, que recompila o traballo previo da RMPL neste eido; unha educativa, como caixa de ferramentas para abordar a memoria, a diversidade e o antirracismo; e outra de actividades que visibilizará proxectos e accións, tanto presenciais como virtuais. O museo será tamén escaparate para artivistas, educadoras e iniciativas inspiradoras.