O Museo da Romanización entre os compromisos de Rueda na súa visita a Lugo
O presidente Alfonso Rueda comprometeuse coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a financiar o Museo da Romanización de Galicia no cuartel de San Fernando. Un dos obxectivos que a rexedora leva tratando de acadar dende o inicio do seu mandato.
Unha cooperación que se materializará, inicialmente, na financiación do Plan Director e do proxecto de musealización previsto para as instalacións no caso de acadar a subvención solicitada polo Concello con cargo aos fondos do Plan de Recuperación pero que podería ampliarse, como así o matizou posteriormete o propio Alfonso Rueda, á rehabilitación do edificio segundo a achega económica que se reciba por parte do Estado.
O acordo producíase no transcurso da reunión mantida esta mañá pola rexedora lucense e o presidente autonómico, un encontro que, segundo Méndez "tivo lugar nun clima de cordialidade e que, a pesar da súa intensidade - polo número de temas abordados - resultou ser moi pragmático, fluído e áxil".
Entre outros dos asuntos tratados, Lara Méndez instou a Rueda a executar novas solucións de estacionamento para o barrio da Residencia. Un punto no que tamén se alcanzou o acordo de traballar conxuntamente “xa que a necesidade deste tipo de dotacións se incrementará considerablemente a partir do vindeiro ano coa entrada en funcionamento do Centro Integral de Saúde, pero tamén debido a afluencia de persoas que propiciará a apertura das oficinas de Emprego nesta localización”, sinalou a alcaldesa.
A rexedora, que acudiu á xuntanza acompañada polo tenente de alcaldesa e voceiro municipal Miguel Fernández, amosou tamén toda a vontade do Executivo local para interceder ante o Goberno central e propiciar o cambio de usos dos terreos nos que se asenta o CIS co fin de favorecer a implantación, nesta mesma contorna, dun centro de Emprendemento Aeronáutico e “co obxectivo de seguir dinamizando este barrio da capital e de que a Xunta poida materializar os seus compromisos coa cidade”.
Ademais, durante a conversa Méndez e Rueda concretaron cofinanciar, nunha proporción 70/30%, a implantación de redes saneamento no rural de Lugo, a través do canon da auga que, en primeiro lugar, se centrará, na creación da acometida en Calde e Esperante para atallar os vertidos ao río que se están a producir.
A continuidade da rexeneración da Tinería, a través, nomeadamente, da recuperación do Pazo de Dona Urraca e da Torre de San Miguel, a execución da Intermodal, o avance para crear un novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón ou dun novo pavillón municipal e mesmo a finalización da Rolda Leste e do Plan Paradai foron outros dos temas que se trataron na xornada á que ambos dirixentes non dubidaron en cualificar de moi produtiva.
Antes de rematar, a alcaldesa lembroulle ao presidente da Xunta a última promesa de Núñez Feijóo en Lugo antes de marchar para Madrid para mellorar a conectividade da cidade dende as costas do Parque de Rosalía até o Miño a través da Volta da Viña, mediante a súa unión con pasarelas e ascensores, un proxecto que Rueda xa lle confirmou que non se executará o ano que vén.