O Museo de Lugo abre a mostra de gravados 'Traballos de Hércules'

LugoXa
Comisariada por José Ramón Soraluce Blind, pode visitarse ata o 6 de outubro
exposicion-hercules-museo-de-lugo
11 sep 2024

O Museo Provincial de Lugo acolle a mostra Traballos de Hércules, da Real Academia Galega das Belas Artes, co obxectivo de celebrar o 175 aniversario dando a coñecer a realidade de Galiza a través de actividades como esta Colección de Gravados. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora con esta mostra, comisariada por José Ramón Soraluce Blond, formada por 19 gravados de Juan Barcelón y Abellán, Nicolás Brasanti e tres pezas sen atribución.

A deputada de Cultura Iria Castro e a directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro inauguraron esta exposición, que poderá visitarse ata o 6 de outubro, co obxectivo de rescatar a historia da institución e proxectar a súa presenza institucional e actividade cultural na sociedade galega.

Castro destacou a importancia de achegar esta colección á veciñanza lucense “dando a coñecer a importancia da historia galega e o patrimonio cultural e material da nosa historia”, ademais de poñer en valor o traballo da entidade para dar a coñecer o pasado e o presente de Galiza.

Traballos de Hércules é unha exposición itinerante baseada na serie de pinturas que o artista italiano Luca Giordano realizou para Carlos II no Casón del Buen Retiro de Madrid. Estes gravados, realizados pola Calcografía Nacional en Madrid ao redor de 1790, forman parte das coleccións da Real Academia Galega de Belas Artes. A serie ilustra o encargo mitolóxico realizado a Hércules, que incluía doce aventuras, entre as cales destaca a que se desenvolveu en Galicia: o enfrontamento co rei Xerión para recuperar o rabaño de bois que este arrebatara aos campesiños da rexión. Hércules derrotou a Xerión na Coruña e sobre os seus restos construíu a Torre de Hércules, un símbolo histórico de gran relevancia.

A exposición poderá visitarse no Museo Provincial de Lugo ata o 6 de outubro no horario de apertura.

Colaboración coa RAGBA

Esta actividade complementa a colaboración entre a Vicepresidencia da Deputación coa Real Academia das Belas Artes. Anualmente contan cunha achega de 9.000 euros para a organización e a posta en marcha das súas actividades, ademais da promoción e organización das Xornadas Asorey, artista ao que este ano se lle dedica o Día das Artes Galegas

Baixo este acordo entre ambas institucións, proximamente inaugúrase a exposición “Os vieiros de Asorey”, unha mostra fotográfica comisariada por Xurxo Lobato, na Praza de San Marcos, en Lugo. A exposición, que xa estivo en Samos e Foz, poderá verse nesta nova situación.

0.19618582725525