O Museo de Lugo acolleu 'A maxestade do Averno. O selo do Romanticismo Negro na arte galega e da Europa'
Iria Castro asistiu esta tarde á conferencia 'A maxestade do Averno. O selo do Romanticismo Negro na arte galega e da Europa', que a historiadora da arte Iria-Friné Rivera Vázquez impartiu no Museo Provincial de Lugo.
Cos festexos do Samaín no horizonte, a historiadora falou da presenza das temáticas relacionadas co sobrenatural, características do Romanticismo Negro, na obra de artistas galegos como Vicente Risco, Camilo Díaz Baliño, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Francisco Asorey, Luís Seoane ou Urbano Lugrís, con linguaxes propias inspiradas na mitoloxía galega e na cultura popular.
A deputada de Cultura valorou "o carácter divulgativo da actividade que nos proporciona novos puntos de vista desde os que achegarnos á obra de artistas galegos, e mesmo a pezas que forman parte da colección do Museo como 'Ollo de vidro' de Castelao, e sitúa a arte galega no contexto dos xéneros e movementos artísticos europeos de finais do século XIX e comezos do XX" como, lembrou, "tamén se pon en relevo na mostra 'Ronsel 100 anos despois' que se pode ver na Sala de Exposicións no Museo Provincial de Lugo.