O Museo de Lugo acolleu a presentación do libro e a obra 'Alma de grilo'

LugoXa
Esta tarde tivo lugar no Museo Provincial de Lugo un acto literario-teatral, patrocinado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, no que se presentou o libro Alma de grilo (e outras fábulas para acompañar o café), editado por Edicións Embora, e a obra homónima, producida pola compañía lucense ÍtacaTeatro www.
presentacion da obra alma de grilo
30 Sep 2023

Esta tarde tivo lugar no Museo Provincial de Lugo un acto literario-teatral, patrocinado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, no que se presentou o libro Alma de grilo (e outras fábulas para acompañar o café), editado por Edicións Embora, e a obra homónima, producida pola compañía lucense ÍtacaTeatro www.itacateatro.com. Ao acto asistiron a deputada de Cultura, Iria Castro; o director de Edicións Embora, Miguel Toval; a autora do libro, María García; e o ilustrador, Julio Seijas.

Alma de grilo é unha obra tecida con imaxinación e sensibilidade. Trátase dunha serie de relatos, escritos por María García, que configuran unha viaxe polo territorio da imaxinación, de xeito que polas páxinas do libro transitan obxectos humanizados como metáforas de soños; follas que non se deixan arrastrar pola corrente, trasnos que contan estrelas, pintoras salvadas pola súa arte ou monos que triunfan por non seren gregarios.

Na súa intervención, a deputada de Cultura, Iria Castro, deu a benvida a artistas e público ao xardín do Museo Provincial de Lugo e subliñou que “a programación deste acto pretende dar pulo á edición en galego e ao teatro” e remarcou “o interese de conxugar as dúas linguaxes, a da literatura e a do teatro, para chegar a distintos públicos e ampliar a difusión das historias que nos conta o libro de María García”.

O editor, Miguel Toval, definiu Alma de grilo como “unha sucesión de estampas nas que conviven o mito e o humor, a lenda e o poema”, dando forma a unha obra que a autora constrúe partindo da fábula, porque segundo puxo de relevo hoxe María García “a fábula permíteme crear metáforas da realidade, interpretala dende o meu punto de vista sen interferir no punto de vista da persoa lectora. Por iso penso nas historias de Alma de grilo como historias que se poden transitar de moitas maneiras, sen que unhas sexan máis acertadas ca otras”.

Pola súa banda, o ilustrador do libro, Julio Seijas, explicou que concibe a parte gráfica desta obra “non tanto como un traballo de ilustración, senón como un exercicio de imaxinación, interpretación e psicoloxía, no que cada lectora ou lector pode ver o que prefira en cada momento. Por iso, cada vez que se relé a obra, co paso do tempo, as imaxes suxiren cousas distintas”.

O acto, celebrado nos xardíns do Museo Provincial, completouse coa presentación da obra teatral homónima, producida pola compañía lucense Ítaca Teatro e dirixida por José Campanari, a partir dos textos do libro. Está concibida para ser representada en espazos non convencionais, cunha posta en escena na que prevalece a simplicidade e a harmonía de voz e música, con dous únicos protagonistas no escenario: María García, na súa dobre condición de actriz e autora dos textos; e Vadim Yukhnevich, recoñecido músico e compositor bielorruso afincado en Galicia.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.068103075027466