O Museo de Lugo celebra uns obradoiros de cuñación de moeda
O Museo de Lugo organiza esta fin de semana uns obradoiros de cuñación de moeda que pretende achegar ao público o valor histórico e simbólico do sestercio da caetra, unha moeda declarada BIC, da que só se coñecen tres exemplares no mundo, e que foi cuñada no campamento romano que deu orixe ao Lugo actual a finais do século I a.C.
Trátase da peza máis relevante da exposición “De monetaria galega” que pode verse no Museo Provincial de Lugo e que pasará a formar parte da colección numismática do centro museístico galego unha vez se complete o proceso de adquisición iniciado pola Vicepresidencia da Deputacíon de Lugo para incorporar a peza ao patrimonio público.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “se trata dunha iniciativa divulgativa e lúdica coa que queremos facer chegar a todo o público o valor desta peza numismática, destacando tamén a importancia de que pase a formar parte do patrimonio público e se conserve e se mostre na cidade de Lugo”.
Os obradoiros correrán a cargo de Caetra Lucensium e haberá sesións tanto para público adulto como para nenas e nenos, sábado en horario de mañá e tarde, e domingo, pola mañá. No caso dos obradoiros para crianzas é precisa a inscrición previa, no correo comunidadermpl@gmail.com. As persoas que participen poderán levar para a casa a réplica da moeda.