O Museo de Lugo exhibe máis dun centenar de obras contemporáneas e pezas etnográficas doadas por Xoan Anllo

LugoXa
A mostra, aberta ata o 30 de novembro, reúne creacións de artistas internacionais e galegos xunto a obxectos de diferentes culturas
exposicion-pezas-Xoan-Allo-Museo-Lugo
19 Sep 2025

O Museo Provincial de Lugo abriu este venres a exposición O compromiso dun coleccionista, unha homenaxe ao legado de Xoan Anllo Vázquez (Feira do Monte, Cospeito, 1936 - Madrid, 2023), quen doou á institución provincial máis dun centenar de obras de arte contemporánea e pezas etnográficas a través do seu testamento. A mostra poderá visitarse ata o 30 de novembro na Sala de Exposicións Temporais.

A inauguración contou coa presenza da deputada de Cultura, Iria Castro, que puxo en valor a xenerosidade de Anllo co Museo, lembrando que xa en vida entregara a colección da sala permanente de Arte Africana. Castro tamén destacou o labor da restauradora do centro, que preparou coidadosamente as pezas recibidas o pasado mes de xaneiro para esta exhibición, na que colaboraron os departamentos de Belas Artes, Artes Decorativas e Etnografía.

Coordinada pola directora do Museo, Aurelia Balseiro, e comisariada por María Quiroga Figueroa, Paula Salinas Somoza e Lucila Yáñez Anllo-Vergas, a exposición reúne obras de destacados artistas europeos como Joan Miró, Antoni Tàpies ou Susana Solano, ademais dos galegos Jorge Castillo e Antón Lamazares. Inclúe tamén pezas decorativas procedentes de Asia, África e América, configurando un percorrido heteroxéneo que combina arte contemporánea con patrimonio etnográfico.

Segundo Balseiro, a mostra reflicte “a importancia do coleccionismo e do mecenado na conformación das coleccións públicas” e crea diálogos entre a tradición cultural galega e a doutras rexións do mundo a través dunha proposta multidisciplinar.

⚙ Configurar cookies
0.11095905303955