O Museo e Centro de Interpretación ‘Monterroso, A Vila das Feiras’ xa ten páxina web

O Museo e Centro de Interpretación ‘Monterroso, A Vila das Feiras’ dispón dun novo portal informativo que se converte en escaparate para todo o contido que alberga.
A nova páxina web, accesible en galego e castelán, está deseñada para ofrecer información actualizada sobre o museo, as salas de exposición e o horario de visitas.
A través da paáxina, os usuarios poden facer un percorrido exhaustivo por cada unha das salas do Museo, coas súas correspondentes imaxes, e descubrir o que alí se expón. Tamén hai un espazo multimedia que inclúe os paneis informativos de cada sala, así como unha sección de novas con información actualizada.
Ademais, a páxina web ofrece o contacto do Museo e un enderezo para aquelas persoas que desexen programar unha visita a este Centro de Interpretación, considerado un gran valor cultural na Comarca da Ulloa. Unha das seccións máis destacadas é a dedicada á histórica Feira de Santos, que tamén conta con recursos audiovisuais.
O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, destacou que esta nova plataforma permite facer “unha primeira visita virtual” ao Museo, animando á xente a realizar unha visita física ao lugar. Pérez tamén subliñou que a web representa unha valiosa fonte de información para os estudiosos interesados nos restos históricos do Museo ou na propia Feira de Santos.
O MUSEO
O Museo, situado no antigo centro de saúde de Monterroso, alberga unha ampla variedade de restos históricos de diferentes épocas, desde prehistóricas até modernas, que abarcan temáticas como a culinaria, a espiritualidade, a festa, a arte ou a documentación. O espazo está deseñado para todos os públicos, cunha exposición permanente e outras exposicións temáticas que se desenvolven ao longo do ano.
O Centro de Interpretación está distribuído en tres andares que acollen a exposición permanente, un almacén e un arquivo documental. A entrada ao Museo é gratuíta o primeiro día de cada mes, coincidindo coa celebración da Feira de Monterroso. Para as visitas organizadas, as persoas interesadas poden chamar ao número 982 831 303.
A nova páxina web do Museo e Centro de Interpretación ‘Monterroso, A Vila das Feiras’ supón un paso adiante na difusión da cultura e historia local, facendo máis accesible o patrimonio da zona tanto a veciños como a turistas e investigadores.