O Museo incorpora a estela restaurada de Cerecivs á exposición da Sala dos Mosaicos
Presentouse no Museo Provincial de Lugo a estela funeraria restaurada de Cerecivs. A peza, reconstruída a partir dos fragmentos achados en 1998 durante os traballos de limpeza e posta en valor da muralla romana, exponse na Sala dos Mosaicos, canda outras mostras da epigrafía romana de Lucus Augusti.
Tras a descuberta da peza, desenvolveuse unha mesa redonda coa participación de Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, Enrique Alcorta, arqueólogo do Museo Provincial de Lugo e Marta Díaz, restauradora da peza, na que se explicou o proceso de restauración da estela, depositada pola Xunta de Galicia no MpL, e a súa importancia no contexto da epigrafía romana.
Estela funeraria romanda de Cerecivs no Museo Provincial de Lugo
Un dos fenómenos máis destacados da epigrafía romana de Lucus Augusti é a aparición dun elevado número de epígrafes reutilizados como elementos de recheo no núcleo da muralla romana, motivada, polo menos, por tres razóns: a súa construción tiña precedencia sobre o núcleo urbano nun momento de inestabilidade política e económica; o seu contorno inclúe novos sectores urbanos e, polo tanto, engloba zonas construídas residenciais, ámbitos laborais (incluídos obradoiros oleiros) e funerarios (necrópoles) dispostos na periferia urbana; e/ou, finalmente, pola economía de traballo na que interesa o aproveitamento de todo material susceptible de formar o recheo da muralla nos devanditos ámbitos afectados pola construción muraria. Deste xeito, a muralla convértese nunha singular “canteira” epigráfica, con mostras unhas veces incluídas nos paramentos á vista e outras como parte do recheo.
Un bo exemplo diso son os achados realizados, en 1998, durante os traballos de limpeza e posta en valor da muralla romana de Lugo entre os cubos 54 a 60, 61 e 62 no flanco SE do seu perímetro. Concretamente, no tramo dos cubos 58 e 59, traseira do edificio do El Progreso, localizáronse un esqueleto, dúas estelas bifrontes, as chamadas de Hércules e a Loba Capitolina, así como outras dúas de cabeceira redondeada, dunha apenas tres fragmentos e a outra esta (Epi76) que denominamos de Cerecius, por ser o nome do defunto que aparece inscrito na estela, foi depositada daquela, pola Xunta de Galicia no MPL.
Esta última presenta varias e importantes características:
- Constitúe un exemplo das máis temperás manifestacións epigráficas do Lugo romano, monólitos fundacionais aparte, dentro da serie tipolóxica dos ronseis de cabeceira redondeada, xunto coa de Crecente (San Pedro de Mera, Lugo) tamén exposta no MPL, conxunto que podemos datar a mediados da primeira centuria
- Indica, polo tanto, a existencia dun taller epigráfico moi cedo á vez que unha rápida aceptación dos modos culturais, funerarios neste caso, e lingüísticos pola utilización do latín.
- Neste contexto, o estela de Crecente destaca pola figuración á moda romana pero a antroponimia e a origo, indicación de procedencia, de carácter indíxena, sendo o caso invertido a de Cericius, con antroponimia substancialmente romana pero con decoración indíxena.
- Polo demais, o formulario, o ductus e a ordenación da de Cericius presenta algunhas singularidades que poden relacionarse, quizais, coa aínda non ben asimilada romanización latina local.