O Museo provincial abre a exposición da obra 'Sibila', de Velázquez

LugoXa
A obra poderá verse no refectorio, cunha museografía específica
presentacion-exposicion-sibila-velazquez
Presentación a exposición do cadro de Velázquez
11 Jun 2024

A deputada de Cultura Iria Castro Fernández, a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro García e o coordinador de Conservación do Museo Nacional del Prado Victor Cageao Santacruz presentaron esta tarde a obra Sibila de Velázquez, que poderá contemplarse desde o día 11 de xuño ata o 7 de xullo de 2024 no Museo Provincial de Lugo.

A obra, un óleo que corresponde a etapa de madurez do mestre do Barroco, exponse no refectorio do Museo Provincial de Lugo cunha museografía específica, deseñada para facilitar que o público aprecie as cualidades técnicas e artísticas da obra, e para contextualizar o préstamo no marco da relación que os dous museos manteñen desde hai máis dun século, intensificada nas dúas últimas décadas.

Na súa intervención no acto, a deputada de Cultura sinalou a singularidade da exposición, que trae por primeira vez a Galiza a Sibila de Velázquez e valorou o préstamo como “un recoñecemento ao bo facer do Museo Provincial de Lugo durante estes últimos anos: un museo moderno e aberto, que conserva, estuda e difunde o patrimonio castrexo e romano e que colabora activamente con outros museos e institucións”.

Iria Castro destacou que “a exposición supón unha oportunidade para seguir avanzando na proxección estatal e internacional do Museo e tamén da propia cidade de Lugo a partir de recursos patrimoniais e culturais propios” entre os que destacou a colección de ourivería antiga, o recentemente incorporado sestercio da caetra e as salas de arte galega contemporánea.

A responsable de Cultura inscribiu a mostra na vontade da área de Cultura de “democratizar a cultura, facilitando o acceso e a participación de todas as persoas, independentemente do lugar en que vivan”, mostrándose convencida de que “expoñer en Lugo Sibila, unha obra mestra da pintura universal, fai tamén camiño nesa dirección”.

A directora do Museo Provincial de Lugo lembrou as iniciativas de proxección institucional e colaboración científica e técnica desenvolvidas polo museo lucense e o Museo del Prado nas últimas décadas. “Creemos que este proxecto ao igual que o Prado Extendido contribúe a proxectar no territorio as coleccións del Prado visibilizándoas e achegándoas a toda a cidadanía e fomenta as relacións, sostibilidade e colaboracións museísticas”, explicou, avanzando que “haberá futuras novas en relación cos depósitos do Prado en Lugo directamente relacionadas con esta frutífera colaboración”

O préstamo temporal enmárcase proxecto “A arte que conecta”, unha iniciativa conxunta do Museo Nacional do Prado e Telefónica que conmemora o centenario da compañía e fomenta a conexión das persoas achegando obras mestras da colección do Prado a dezaoito museos de toda España.

Actividades organizadas polo MPL en torno ao préstamo de Sibila de Velázquez.

Ao redor desta iniciativa organizáranse diferentes actividades:

  • 11 de xuño ás 19:00 h. no Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo conferencia de Víctor Cageao Santacruz, Coordinador Xeral de Conservación do Museo Nacional do Prado: O Museo Nacional do Prado en Lugo. Os proxectos Prado Estendido e A arte que conecta.
  • 27 de xuño ás 19:00 h. no MPL, Conferencia de Jaime García-Máiquez, Técnico do Museo Nacional do Prado: Técnica do xenio. A Sibila dentro do proceso creativo de Velázquez.
  • Visitas técnicas comentadas para grupos concertados, con reserva no enderezo electrónico direccion@museolugo.org ou no teléfono 982242112.

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1874361038208