O Museo Provincial abre ao público o claustro renovado coa actualización museográfica

O claustro do Museo Provincial de Lugo vén de reabrir ao público despois de concluír a primeira fase da súa renovación museográfica. A actuación centrouse na panda oeste e incluíu o acondicionamento das paredes, así como a substitución das peanas e dos expositores.
A intervención incorporou tamén unha selección de pezas para ofrecer unha visita máis actualizada e coherente, mantendo en exhibición máis de medio cento de elementos arquitectónicos e obras escultóricas datadas entre os séculos IV e XVIII.
Durante a visita, a deputada de Cultura, Iria Castro, destacou que esta actuación “actualiza e pon en valor as coleccións do Museo e subliña tamén o interese do propio claustro, unha das xoias patrimoniais da cidade de Lugo, como acredita a súa declaración como Ben de Interese Cultural”.
A renovación museográfica continuará o vindeiro ano con novas fases, dirixidas polo departamento de Arqueoloxía e a Dirección do Museo Provincial de Lugo. Estes traballos súmanse a outras intervencións realizadas ao longo do ano para reforzar o valor das coleccións provinciais, como a remodelación da Sección de Numismática e Medallística, presentada a finais de novembro.