O Museo Provincial de Lugo acolle a presentación da biografía de José Fernández López

LugoXa
A obra, escrita por Marisa Gallero e premiada co XXI Premio LID de Biografía Empresarial, rescata a traxectoria dun emprendedor clave na Galicia contemporánea
libro-jose-fernandez-lopez
3 Sep 2025

O venres 12 de setembro, ás 18:30 horas, o Museo Provincial de Lugo será escenario da presentación do libro José Fernández López. Un empresario sin miedo al riesgo, escrito pola xornalista e autora Marisa Gallero.

A entrada ao acto será libre ata completar aforo e contará coa participación de José María Fernández Sousa-Faro, fillo do biografado, así como de Bieito Rubido, director do xornal El Debate; Aurelia Balseiro, representante do Museo Provincial de Lugo; e Iria Castro, en nome da Deputación de Lugo.

A obra reconstrúe a vida dun empresario que marcou a historia industrial e cultural de Galicia e de España. Durante a República, Fernández López arriscou en solitario ao facerse cargo de dous matadoiros en quebra en Mérida e O Porriño. Co inicio da posguerra, fundou xunto cos seus irmáns o laboratorio químico Zeltia e acolleu a científicos represaliados pola ditadura. Posteriormente, puxo en marcha a primeira multinacional de transportes ferroviarios especiais, Transfesa, coa que ideou un sistema de cambios de vía que conectou por tren España e Europa a través dos Pireneos.

Na década dos cincuenta promoveu a creación da marca Antibióticos en León, froito da asociación de cinco laboratorios, e revolucionou o sector pesqueiro coa primeira flota de buques conxeladores de Europa, orixe de Pescanova. A súa visión industrial levouno tamén a impulsar proxectos estratéxicos na extracción de titanio e litio.

Ademais de empresario innovador, foi mecenas cultural e defensor do desenvolvemento de Galicia. O libro, recoñecido co XXI Premio LID de Biografía Empresarial, recupera a figura dun home discreto pero fundamental, cuxo legado segue presente hoxe en día.

⚙ Configurar cookies
0.12117695808411