O Museo Provincial de Lugo acolle o encontro ‘De cor. Diálogos para habitar a memoria’

O Museo Provincial de Lugo acollerá este xoves, 23 de outubro, ás 19:00 horas, o encontro ‘De cor. Diálogos para habitar a memoria’, unha iniciativa organizada por AGAMA (Asociación Galego-Arxentina pola Memoria) que pretende afondar na memoria, a reparación e o papel das mulleres na construción dun relato colectivo e xusto.
Nesta segunda edición participarán Encarna Lago González, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo; Chus Navarro, mestra e militante; e Carmen P. G. Granxeiro, directora de cine. Ademais, a artista e educadora María Arufe presentará obra súa durante o acto, nunha proposta que combina reflexión e creación artística.
Durante o encontro farase tamén entrega da publicación “Eu son Memoria das rapadas”, do colectivo Art al Quadrat, coordinada por Encarna Lago e editada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial, con motivo da exposición do mesmo nome.
A entrada será libre e non será necesaria inscrición previa, abrindo así o diálogo á participación cidadá arredor da memoria histórica e a súa transmisión.