O Museo Provincial de Lugo acollerá o concerto 'Percorrendo Castelao' o 29 de marzo

O Museo Provincial de Lugo celebrará o vindeiro sábado, 29 de marzo, ás 18.00 horas, o concerto Percorrendo Castelao, a cargo do grupo de cámara Lucus Ensemble, que pechará a programación conmemorativa organizada polo museo con motivo do 75 cabodano do pasamento de Castelao.
O concerto terá lugar na Sala de Exposicións Temporais do Museo, cunha entrada libre ata completar a capacidade do espazo.
O concerto combinará unha narración biográfica coa música, na que a formación lucense interpretará pezas relacionadas cos principais fitos vitais, creativos e políticos de Castelao.
Entre as obras que se poderán escoitar atópanse Festa na Tolda de Gustavo Freire, que evoca os primeiros traballos de Castelao, como o tríptico Festa na aldea, así como Chanson Espagnole de Maurice Ravel, que lembra a súa estancia en París como ministro do goberno republicano no exilio. Tamén se interpretará Obertura cubana, que rememorará os Debuxos de Negros do artista.
Programación conmemorativa
Este evento forma parte da programación conmemorativa "75 cabodano de Castelao (1950-2025)", unha iniciativa da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Museo Provincial de Lugo para difundir o legado artístico e político de Castelao.
Durante este primeiro trimestre do ano, pódense visitar tres exposicións na Sala de Exposicións Temporais do Museo, que permanecerán abertas ata finais de marzo.
No marco do Ano Castelao, o Museo Provincial de Lugo organiza tamén visitas guiadas ás obras do autor que forman parte dos fondos propios da entidade. Estas visitas, que se celebran todos os venres ás 17.00 horas, permiten coñecer a súa obra exposta na sala monográfica inaugurada en 2010, onde se amosan debuxos, gravados e acuarelas realizadas maioritariamente nos anos vinte do século XX.
O museo tamén alberga dous óleos sobre cartón, Asno e gaivotas e Paisaxe con castiñeiro, que se poden ver na sala 13, dedicada ás Vanguardas Históricas e á Arte da posguerra.