O Museo Provincial de Lugo acolleu unha mesa redonda sobre a figura de Villaamil y Castro

O Museo Provincial de Lugo acolleu a mesa redonda titulada Unha semblanza da conservación patrimonial galega a través de Villaamil y Castro, unha actividade organizada ao abeiro da mostra A colección de Villaamil y Castro no Museo Provincial de Lugo, que permanecerá aberta ao público no refectorio da institución ata o vindeiro 31 de agosto.
O encontro centrouse en repasar a traxectoria vital e profesional de José Pérez Villaamil y Castro, con especial atención á súa etapa en Mondoñedo e Lugo. Ademais, afondouse na importancia que adquiriu o coleccionismo na posta en valor do patrimonio cultural galego a partir da segunda metade do século XIX, co obxectivo de fomentar un debate aberto e participativo entre o público asistente.
A mesa contou coa intervención de tres especialistas: Antonio Prado Gómez, profesor e escritor, que abordou O Instituto Provincial de Lugo, unha necesidade académica; Abel Vigo García, arqueólogo do Concello de Mondoñedo, coa ponencia Villaamil: o arqueólogo; e Erea Castro Alfonso, conservadora no Museo de Pontevedra, que falou sobre Tras as pegadas do coleccionismo en Galicia: a contribución de José Pérez Villaamil y Castro.