O Museo Provincial de Lugo afonda no Castelao debuxante cunha mostra das pranchas de zinc da serie “Os homes”

LugoXa
A exposición reúne 68 pranchas e materiais históricos pertencentes á colección Roberto Taboada
Castelao-debuxante-cunha-mostra-Museo-Lugo
11 Sep 2025

O Museo Provincial de Lugo inaugura a exposición “Os homes, por Castelao na colección Roberto Taboada”, centrada na serie de debuxos que Castelao publicou no xornal Galicia en 1925 e que foron reunidos no volume “Cincoenta homes por dez reás” en 1930. A mostra reúne 68 pranchas de zinc utilizadas na impresión, xunto ás follas orixinais do xornal vigués, conservadas polo coleccionista pontevedrés Roberto Taboada, que posúe unha das coleccións máis destacadas de primeiras edicións, manuscritos, debuxos, cartas e materiais do artista e político nacionalista.

A exposición está coordinada por Xoán Pastor Rodríguez Santamaría e Aurelia Balseiro García, coa colaboración do Museo do Gravado de Artes, en Ribeira, e do historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez. A mostra permanecerá aberta ata o 20 de novembro e forma parte da programación conmemorativa do “75 cabodano de Castelao (1950-2025)” organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Museo Provincial, co obxectivo de difundir o legado artístico e político do autor.

No marco desta efeméride, ao longo do ano o museo presentou tres proxectos expositivos: a mostra bibliográfica “75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza”, a exposición “Castelao. O retorno a Galicia, 1984”, con fotografías de Xan Carballa sobre a chegada a Compostela dos restos do artista, e “Sempre en Galiza. 1944-2024”, centrada na obra cumio do seu pensamento político, que percorre a provincia ata finais de ano. Ademais, o Museo conta cunha sala monográfica dedicada a Castelao, onde se expoñen de forma permanente debuxos, gravados e unha acuarela, así como dous óleos sobre cartón na sala Vangardas Históricas e Arte da posguerra.

⚙ Configurar cookies
0.11147093772888