O Museo Provincial de Lugo conmemora o 8 de marzo cunha proposta única

Dentro do Plan de Xénero da Rede Museística Provincial de Lugo, o Museo Provincial de Lugo presenta este 8 de marzo unha actividade especial para homenaxear a figuras femininas que, con súa valentía e loita, contribuíron ao avance e á transformación da sociedade.
De 12.00 a 14.00 horas, o museo encherase de cadeiras baleiras, pero non calquera tipo de cadeiras: serán portas abertas, auténticas máquinas do tempo, que invitarán aos visitantes a viaxar pola historia.
A proposta é sinxela pero profundamente conmovedora. O alumnado sentará nunha cadeira fronte a outra baleira, agardando que alguén se achegue, se sente e escoite. Cada encontro será único, sen guións nin previsións, convertendo cada experiencia en unha viaxe emocionante a través de momentos chave na loita e conquistas das mulleres que marcaron un antes e un despois.
Serán entre 70 e 80 voces de mozas e mozos, con idades que van de 5 a 38 anos, os que darán vida a estas historias, rendendo homenaxe a mulleres que abriron camiños e mudaron o curso da historia.
Entre as protagonistas destacan Nevenka Fernández, que dixo basta cando todos querían que calase; Yoyes, que loitou por cambiar as regras e pagouno caro; Mixabel, que apostou pola paz cando era máis fácil alimentar o odio. Tamén estarán as nais que se enfrontaron á heroína con coraxe, figuras tan poderosas como Ariana Grande, que leva o seu talento e a súa voz máis alá da música, inspirando a toda unha xeración.
Entre outras figuras que formarán parte deste acto, pódese escoitar a memoria de mulleres tan ilustres como as Irmas Miraval, Clara Campoamor, Ulrike Meihov, Maruja Mallo, Rosalía de Castro, Coco Chanel, Agatha Christie, Simone Biles, ou Isadora Duncan, entre moitas outras.
Esta actividade pretende non só rememorar e honrar ás mulleres que deixaron unha pegada importante na historia, senón tamén ofrecer aos asistentes a oportunidade de formar parte activa deste recordo colectivo, facendo de cada cadeira baleira un símbolo de todas aquelas voces femininas que, ao longo do tempo, fixeron que o mundo sexa hoxe como é.