O Museo Provincial de Lugo convida ás crianzas a descubrir o patrimonio a través do seu campamento

LugoXa
A actividade de verán da Rede Museística propón xogos, obradoiros e percorridos temáticos para achegar o mundo da arte, a historia e a cultura ás nenas e nenos
campamento-Museo-Provincial-de-Lugo
10 Jul 2025

O Museo Provincial de Lugo está a acoller unha nova edición do campamento de verán 'Sentir o Museo', unha proposta da Rede Museística Provincial que combina xogo, coñecemento e creatividade para achegar o patrimonio cultural ás crianzas.

As actividades, pensadas para estimular a curiosidade e o aprendizaxe a través da experiencia directa, inclúen dinámicas no xardín do museo, como xogos de presentación, e visitas guiadas por diferentes salas.

Nesta ocasión, os participantes aprenderon sobre a técnica do gravado nas salas dedicadas a Castro Gil e Nespereira e exploraron a temática da migración animal a través do insectario de Luis Seoane, deténdose en especies como a mariposa monarca ou a libélula. A segunda parte da xornada estivo centrada na tradición galega, cun percorrido interactivo polas distintas salas que lles permitiu descubrir aspectos da cociña e da vestimenta tradicional.

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, destacou o valor deste tipo de iniciativas que enchen o verán de aprendizaxe, emoción e participación. “Ver aos nenos e nenas nos museos da Rede é descubrir olladas de asombro, risas compartidas e ganas infinitas de aprender xogando”, sinalou. A través deste programa, cada museo convértese nun espazo de creación e investigación onde as crianzas se relacionan co pasado dun xeito activo, estimulando a imaxinación e o pensamento crítico.

Obradoiros artísticos, xogos sensoriais e rutas temáticas completan a programación dun verán que, na Rede Museística, se vive como unha aventura única en cada recanto.

⚙ Configurar cookies
0.17976593971252