O Museo Provincial de Lugo homenaxea a Mauro Leivas coa exposición 'Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras'

LugoXa
A mostra, que se inaugura o 13 de agosto, celebra a obra e a memoria do artista recentemente falecido, coa participación de amizades, familiares e referentes da arte galega
Mauro-Leivas
8 Aug 2025

O Museo Provincial de Lugo acollerá o mércores 13 de agosto, ás 19:00 horas, a inauguración da exposición «Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras», unha mostra do artista Mauro Leivas, recentemente falecido. A cita converterase nun acto de homenaxe á súa figura, recoñecendo tanto a súa traxectoria creativa como a súa dimensión humana.

A mostra está promovida pola Deputación de Lugo e a Rede Museística Provincial, e pretende achegar ao público a obra dun autor que soubo combinar tradición e contemporaneidade cunha mirada profundamente poética e comprometida coa natureza e co territorio.

Durante o acto intervirán Iria Castro Fernández, deputada delegada da área de Cultura da Deputación de Lugo; Encarna Lago González, xerente da Rede Museística Provincial e coordinadora do proxecto; Silvia Fiallega Lorenzo, comisaria da exposición; e os artistas plásticos Xosé Artiaga e Daniel Río «Caxigueiro», amigos persoais de Leivas. Tamén estarán presentes familiares e outras persoas próximas ao artista, que compartirán esta celebración da súa memoria e legado.

A exposición poderá visitarse nas salas do Museo Provincial de Lugo e ofrece unha selección representativa da obra de Leivas, con especial atención á súa relación co universo natural e coas linguaxes visuais que beben tanto da tradición galega como da arte xaponesa, como é o caso do ukiyo-e, que dá nome á mostra.

⚙ Configurar cookies
0.2493588924408