O Museo Provincial de Lugo homenaxea a Xulia Minguillón no 60 aniversario do seu pasamento

LugoXa
A institución organiza unha visita guiada á sala dedicada á artista, pioneira en lograr unha medalla de ouro en Belas Artes
A-escola-de-Dolorinas
22 Aug 2025

Coincidindo co 60 aniversario do falecemento de Xulia Minguillón, nada en Lugo en 1906 e falecida en Madrid en 1965, o Museo Provincial de Lugo organiza este venres ás 12.00 horas, unha visita guiada á sala monográfica dedicada á súa obra.

A actividade, aberta a todas as persoas que se acheguen ao museo, busca poñer en valor a figura e o legado desta creadora lucense, recoñecida por ser a primeira e única muller que conseguiu unha medalla de ouro nunha Exposición Nacional de Belas Artes, distinción que obtivo en 1941 co seu emblemático cadro A escola de Doloriñas, no que representou unha escena nunha escola rural de Vilapol, en Lourenzá.

Con esta iniciativa, o Museo Provincial de Lugo reivindica a traxectoria dunha artista que marcou un fito na creación feminina e reforza o compromiso dos museos provinciais por impulsar e dar visibilidade tanto á produción artística como ao comisariado das mulleres.

Nesta liña, a Rede Museística acolleu nos dous últimos anos dezaoito exposicións e proxectos artísticos, tanto individuais como colectivos, nos que participaron máis de cincuenta mulleres como creadoras ou comisarias.

⚙ Configurar cookies
0.20357418060303