O Museo Provincial de Lugo inaugura a exposición de Mauro Leivas

O Museo Provincial de Lugo acolle a exposición Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras de Mauro Leivas, unha mostra na que o pintor mindoniense, falecido o pasado 23 de xullo, traballou nos meses previos ao seu pasamento coa colaboración dos artistas e amigos Daniel Caxigueiro e Xosé Artiaga, así como de Silvia Folgueira.
A exposición Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras nace desa conexión artística e emocional, co obxectivo de visibilizar a súa traxectoria no marco da arte contemporánea da provincia e da historia creadora da Rede Museística. Ademais, na mostra, o artista fusiona a paisaxe galega con técnicas propias da pintura oriental, evocando o concepto xaponés de “imaxes do mundo flotante”.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo despregou na casa do barrio dos Muíños, onde residiu o artista, unha lona co cartel da exposición, que permanecerá aberta ao público ata o 30 de setembro.
A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou que “é un pracer acoller exposicións de artistas lucenses, sobre todo cando a arte serve para poñer ás persoas no centro e transmitir mensaxes, como fai Mauro Leivas, comprometido sempre coas causas xustas”.
Pola súa parte, a comisaria da exposición, Silvia Fiallega, explicou que a proposta é “un xogo de enganos que nos reta a descubrir o esencial tras o accesorio, cunha linguaxe próxima ao espectador”. As pezas revelan a presenza simbólica do Oriente nas paisaxes da Mariña de Lugo, nas formas do territorio e na súa fauna, onde abundan paxaros, peixes e sacabeiras.
Integrante da xeración de artistas e intelectuais mindonienses xurdida arredor da docencia de Juan Puchades, Leivas completou a súa formación na Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid, na Escola de Artes Aplicadas de Lugo e en estadías en Francia, Suíza e Grecia. Desde os anos oitenta participou en múltiples exposicións colectivas no Museo Provincial de Lugo. Artista comprometido e solidario, colaborou en proxectos de temática social como 21 S(empre) do Museo do Mar de San Cibrao, no que unha vintena de creadores reflexionaron sobre o impacto do alzhéimer e outras demencias.
O Museo Provincial abre en horario de verán de martes a sábado, de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:30 horas, e os domingos e festivos de 10:00 a 15:00 horas, permanecendo pechado os luns.