O Museo Provincial de Lugo inaugura a nova sección de numismática

LugoXa
O espazo renovado incorpora 677 pezas e aposta por unha museografía accesible, interactiva e orientada ao público
renovación-sala-0-Museo-de-Lugo
27 Nov 2025

Este venres, 28 de novembro, ás 19.00 horas, inaugurarase a renovada sección de numismática e medallística do Museo Provincial de Lugo, que contará coa exhibición permanente do sestercio da caetra, unha moeda declarada Ben de Interese Cultural e vinculada á orixe da cidade. A peza foi adquirida en 2023 pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que impulsa agora a súa posta en valor a través deste novo espazo.

A sala reorganízase arredor desta moeda e doutras seis incorporadas ese mesmo ano —dúas suevas e catro visigodas— e presenta un total de 677 bens: 551 moedas, 1 billete, 87 medallas e 38 obxectos monetarios adicionais, o que representa o 6,6% do conxunto das coleccións de numismática e medallística do museo.

O espazo, situado na panda sur do claustro alto e cunha superficie de 70 metros cadrados, foi deseñado con criterios de accesibilidade universal, conservación preventiva e seguridade patrimonial. O contido científico correu a cargo da responsable do Departamento de Arqueoloxía e Historia, Mª Ofelia Carnero Vázquez, e da directora do museo, Aurelia Balseiro García.

A deputada de Cultura, Iria Castro, animou á cidadanía a participar na apertura desta nova sala, que definiu como “un espazo cun discurso renovado, pensado para facer máis accesible, didáctica e interactiva a visita á colección de numismática, unha das máis destacadas do Estado”.

A remodelación inclúe vitrinas renovadas, unha iluminación adaptada á conservación das pezas e unha sinaléctica actualizada, ademais de pantallas interactivas que permiten visualizar imaxes 3D das moedas. A proposta museográfica ofrece unha experiencia inmersiva que busca conectar con todas as audiencias, combinando rigor científico, función educativa e o atractivo estético do espazo.

En liña coa crecente demanda de exposicións multisoporte, e mantendo o compromiso coa accesibilidade que caracteriza ao MPL, incorporouse tamén unha estación táctil que permite interactuar coa colección, así como unha máquina expendedora de moedas conmemorativas para que as persoas visitantes poidan levar un recordo da súa experiencia. Estes elementos achegan dinamismo á sala e facilitan unha mellor comprensión dos contidos por parte de todos os públicos.

⚙ Configurar cookies
0.074028015136719