O Museo Provincial de Lugo prepara unha fin de semana “de medo” polo Samaín

A Rede Museística Provincial de Lugo impulsa unha proposta especial para celebrar o Samaín cunha fin de semana dedicada ao misterio no Museo Provincial de Lugo.
A iniciativa consiste nunha visita guiada titulada “Cousas arrepiantes no Museo Provincial de Lugo”, conducida por Simón Vicente López, membro do Departamento de Didáctica da Rede, que levará ás persoas asistentes por un percorrido cheo de relatos sorprendentes, tradicións populares e lendas vinculadas ás coleccións do museo.
A actividade, pensada para todos os públicos, desenvolverase o sábado 1 e domingo 2 de novembro ás 12:00 horas, con entrada gratuíta e prazas limitadas.
O obxectivo é ofrecer unha experiencia distinta que permita descubrir o patrimonio material e inmaterial dun xeito diferente, incorporando elementos propios da tradición oral galega e da nosa memoria cultural.