O Museo Provincial de Lugo presenta a exposición 'Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe'

LugoXa
A mostra achega a traxectoria vital e literaria de Rosalía de Castro nunha visión histórica e cultural actualizada
exposicion-Museo-Lugo-Rosalia
1 Jul 2025

O Museo Provincial de Lugo inaugura unha nova exposición que pon en valor a vida e obra de Rosalía de Castro, unha figura esencial da literatura galega.

'Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe' está composta por unha vintena de paneis que profundan no contexto histórico no que se desenvolveu a súa creación literaria, así como na actualidade e relevancia dos seus textos.

A mostra inaugurouse cun coloquio conducido por Francisco Rodríguez, autor dos textos que acompañan a exposición e especialista recoñecido na figura de Rosalía. Rodríguez destacou o papel fundamental da escritora como “unha muller consciente do seu tempo e do seu país, que asumiu o galego como lingua de cultura e defendeu o dereito das galegas e galegos a ter unha literatura propia e moderna”.

Na súa intervención, o experto salientou que Rosalía de Castro rompeu os moldes da súa época tanto na literatura como na vida persoal, ao apostar por vivir da súa escrita e reclamar unha identidade cultural expresada en galego, “nun tempo no que iso era unha verdadeira transgresión”. O autor lembrou que Rosalía viañaba esta loita como unha “chamada á guerra” á que nunca renunciou, a pesar das dificultades e incomprensión que sufriu.

A exposición, producida por Galiza Cultura e ilustrada con debuxos de Pepe Carreiro, estrutúrase en tres eixos: a biografía da autora a través dunha narrativa cronolóxica, o contexto histórico, social e cultural que marcou a súa vida e obra, e finalmente, a orientación e vixencia da súa produción literaria, mostrada con fragmentos seleccionados que amosan o seu pensamento e estética. Esta mostra poderá visitarse a partir de mañá no Museo Provincial de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.18388700485229