O Museo Provincial de Lugo promove a inclusión coa mostra tiflolóxica ‘Toca madeira, alza o voo’

LugoXa
A exposición, realizada en colaboración coa Fundación Once, reúne esculturas accesibles ao tacto que convidan a reflexionar sobre a superación e a diversidade
Toca-madeira-alza-o-voo-Museo-Lugo-ONCE
8 Oct 2025

O Museo Provincial de Lugo abriu as portas á exposición Toca madeira, alza o voo, unha mostra tiflolóxica que convida á inclusión a través dunha coidada selección de obras escultóricas pertencentes á colección do Museo Tiflolóxico da ONCE. A iniciativa reúne unha decena de pezas en madeira elaboradas por artistas con e sen discapacidade visual grave, unidas por unha temática común: a capacidade de alzar o voo fronte ás adversidades.

Na inauguración, na que participaron persoas usuarias da ONCE en Lugo e de COGAMI, a deputada provincial Iria Castro destacou que a exposición se inscribe “no compromiso dos museos provinciais coa inclusión”, subliñando que “o acceso á cultura e á arte é fundamental para garantir unha participación plena das persoas con discapacidade na sociedade”.

Pola súa parte, a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, explicou que “a metáfora de alzar o voo simboliza o progreso, a liberación e a valentía para superar os obstáculos da vida. Con esta iniciativa, buscamos resaltar esa capacidade do ser humano para superar dificultades e concienciar sobre a discapacidade na nosa sociedade”.

As obras expostas pertencen a artistas como Idillia Fernández Borrué, Jesús Curiá Pérez, Pablo Miranda, Emilio Sánchez García, Teo Calvo Doce, Ana Delgado Sanz, Enrique Cabildo Manso, Carlos Purroy e Pedro Monago García, e están deseñadas para seren percibidas a través do tacto, xogando coa forma, a textura e mesmo a temperatura dos materiais.

A mostra permanecerá aberta ao público ata o mes de abril na zona tiflolóxica do Museo Provincial de Lugo, un espazo que se renova periodicamente grazas á colaboración entre a Rede Museística e a Fundación ONCE, entidade que posúe unha ampla colección de fondos artísticos orientados á accesibilidade e á inclusión.

⚙ Configurar cookies
0.064971208572388