O Museo Provincial de Lugo recibiu ás participantes do proxecto O Re(en)contro

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou este venres nun acto de recepción ás artistas que participan nas residencias O re(en)contro, que se desenvolverán ata o vindeiro 7 de agosto no Pazo de Tor.
Mónica Trastoy, Ana Arregui, Luciana Rago e Miguel Benjumea son as protagonistas desta iniciativa na que o museo monfortino será espazo de acollida e de inspiración e que enfocarán no desenvolvemento de cadanseu proxecto creativo.
O proxecto contempla ademais unha exposición final, que se inaugurará o 8 de agosto no Pazo de San Marcos en Lugo, e que reunirá os traballos realizados durante a residencia, así como unha mostra representativa das obras de artistas galegos que participaron en residencias artísticas nos museos provinciais ao longo dos últimos anos no marco do programa “Estudio Aberto”.
A iniciativa complétarase coa edición dun catálogo recopilatorio que documentará a traxectoria de “Estudio Aberto”, os procesos creativos desenvolvidos, así como o impacto e compromiso da Rede Museística Provincial co patrimonio cultural, os dereitos culturais e a accesibilidade.
Artistas participantes no proxecto
A primeira delas foi Mónica Trastoy. Nada en Vilalba, Lugo, e afincada en Barcelona. É Licenciada en Belas Artes e ten unha ampla traxectoria expositiva e recoñecementos, incluíndo bolsas e premios. O seu traballo amosouse en diversas exposicións individuais e colectivas.
Tamén estivo Ana Arregui. Nada en Osuna, Sevilla, e residente en Madrid. É Licenciada en Belas Artes e Máster en Arte e Tecnoloxía. A súa obra céntrase na identidade, o xénero e a experiencia individual, desafiando a representación tradicional do retrato.
Contouse coa presenza de Miguel Benjume. Nado en San Fernando, Cádiz. Artista e investigador, doutor en Belas Artes. O seu traballo explora as tensións históricas e cartográficas na definición do territorio, utilizando vídeos, fotografías, frotagges urbanos e instalacións para indagar nos relatos hexemónicos.
Ademais foi Luciana Rago. Nada en San Juan, Arxentina, e afincada en Madrid. Licenciada en Artes Visuais e Máster en Investigación e Creación en Artes. Ten exposto en prestixiosos centros de arte e recibido importantes bolsas e subvencións para os seus proxectos.
O acto continuou coa presentación do catálogo da exposición “Emocións” da escultora Soledad Penalta, que documenta a mostra que puido verse os pasados meses de agosto e setembro no Museo Provincial de Lugo cunha selección coidadosamente curada de vinte pezas de gran formato que capturan a esencia e a destreza da súa produción dos últimos anos.
No acto participou tamén o poeta, tradutor, escritor e xornalista palestino-sirio Mohamad Bitari, que participa na residencia Escrita no Remoto, unha iniciativa conxunta da Área de Cultura da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial e da Fundación Uxío Novoneyra que busca promover a creación literaria contemporánea en diálogo co territorio, a memoria e o patrimonio cultural. O autor pasará a primeira quincena da súa estadía en Tor e a segunda na Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel.